O BNG critica a falta de resolución das queixas e suxestións da veciñanza por parte do Goberno local
A Coruña, 30 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG critica a falta de resolución das queixas e suxestións da veciñanza por parte do Goberno do Sr. Negreira. Así tal e como se desprende do informe municipal de Suxestións e Reclamacións (SeR) correspondentes a 2013 (último ano do que se coñecen os datos), o número de suxestións e queixas pendentes de pechar aumentaron. A este respecto, as nacionalistas cualifican de demoledor o informe, que indica que aumentan as SeR regulamentarias pendentes de pechar unha vez transcorrido o prazo estabelecido no regulamento (575 en 2012 e 1.619 no período obxecto do informe). A suba, advirte o Bloque, representaría case o 200%, un auténtico despropósito.
Tamén salientan as nacionalistas que se incrementaron o número de reclamacións e suxestións en 2013 nun 7,4% respecto do 2012. Así, mentres no 2012 se presentaron nos rexistros municipais un total de 7.467 reclamacións e suxestións, en 2013 a cantidade de documentos rexistrados foi de 8.024. Do total de suxestións e reclamacións, o informe sinala que o 42% pertence á Concellaría de Medio Ambiente. Ao BNG non lle estraña que Medio Ambiente ocupe boa parte das queixas que recibe o Concello dada a sucidade que se percibe nas rúas dos barrios.
O Grupo Municipal do BNG indica que o informe de Suxestións e Reclamacións correspondente ao 2013, e que se presentou en decembro de 2014, bota abaixo, por si propio, a propaganda do Goberno do Sr. Negreira. Así, as nacionalistas denuncian opacidade, pois o Goberno local presentou o informe máis tarde que nunca, case un ano despois de pechalo. Tamén advirten da ineficacia, pois medrou o número de reclamacións e suxestións pendentes de pechar. E finalizan criticando a falta de esforzo do Goberno local, que non está a impulsar programas que incidan na mellora da calidade de vida da xente e a mellora dos espazos públicos.