O BNG critica o descaro do Sr. Negreira polas valoracións sobre as sentenzas de Someso
A Coruña, 16 de outubro de 2012.- Diante das sentenzas do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 de A Coruña, denegatorias da reversión de parcelas en Someso, o Grupo Municipal do BNG precisa que o Goberno municipal e o PP evidencian neste asunto un descaro impresentábel. E é que as sentenzas do Xulgado confirman o acordo da Xunta de Goberno Local de 05.10.2010 (goberno anterior) no que se denegaba o dereito de reversión, un acordo que fora cualificado polo PP, daquela na oposición como ilegal e mesmo prevaricador. O Sr. Negreira, daquela na oposición tiña cualificado tal acordo, que agora declara legal o Xulgado, de resolución injusta a sabiendas y esto es el tipo de delito que se llama prevaricación.
O Goberno municipal do PP considera agora, despois da sentenza, que hai un antes e un despois en Someso. O único que hai é que antes o PP dicía unha cousa, que se prevaricaba cando se denegaba a reversión, e agora, despois de que o Xulgado confirmara o acordo do goberno anterior, di que a sentenza é un éxito do Goberno municipal actual. Pero tanto antes como despois, advirten os nacionalistas, o Goberno municipal segue pretendendo tapar as responsabilidades e beneficiarios da recalificación de Someso, que non son outros que grandes promotores que, despois de facer caixa e obter beneficios millonarios coa recalificación, pechan agora a súas empresas.
En calquera caso, o Grupo Municipal do BNG pide prudencia e cautela diante destas resolucións xudiciais, non firmes, ao ser consciente da existencia de varias sentenzas anteriores do TSXG que revocou anteriores pronunciamentos do Xulgado e ordenaban a reversión dos terreos.