O BNG convoca unha concentración de urxencia contra os novos recortes do PP

O BNG convoca unha concentración de urxencia contra os novos recortes do PP

A Coruña, 26 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña convoca de urxencia para esta tarde, a partir das 20h, unha concentración, con carácter de asemblea aberta, no Obelisco como resposta aos novos recortes do PP, que aproba hoxe o Consello de Ministros. O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e a concelleira Avia Veira, repartiron esta mañá material informativo para convocar a cidadanía a esta concentración, na que as nacionalistas lles darán voz a todas as persoas que queiran amosar o seu parecer sobre a dramática situación que vivimos.

En declaracións aos medios, durante o reparto, Paulo Carballada sinalou que “moito nos tememos que as medidas que vai aprobar hoxe o Consello de Ministros van ir na liña contraria ao que desde o BNG entendemos que axudaría a resolver os gravísimos problemas que vive o país: un país con case 300.000 persoas no desemprego e no que a mocidade se ve abocada á emigración”. Tamén fixo alusión á descomposición do tecido empresarial e industrial da nosa comarca e da nosa cidade.

 

Pola súa banda, Avia Veira, sinalou que “nada bo podemos agardar dun Consello de Ministros do PP, centrado en cargar os efectos da crise na maioría do pobo e en empobrecer a clase traballadora”. Reivindicou a soberanía, a capacidade de decidir de Galiza, co fin de poder desenvolver as potencialidades dos nosos recursos para poñer o país a producir. Por último, cualificou de vergoñentas as declaracións do alcalde da Coruña, que presumiu dos datos do paro na nosa cidade. Pediulle ao Sr. Negreira “que saia á rúa e converse coa xente de a pé, que non chega a fin de mes e se ve, cada día, máis sumida na miseria”.

O BNG convoca unha concentración de urxencia contra os novos recortes do PP