O BNG convoca a cidadanía a "queimar" o patriarcado, a violencia contra as mulleres e os recortes
A Coruña, 22 de novembro de 2012.- O BNG da Coruña organiza mañá, a partir das 20h no Obelisco, unha queima simbólica contra a violencia de xénero, contra o patriarcado e contra os recortes do PP en Igualdade. Segundo a responsábel de Acción Feminista, Vitoria Louro, este acto servirá de "homenaxe para todas as mulleres que ao longo da historia, por se rebelaren contra o poder estabelecido foron acusadas de bruxería, foron insultadas, humilladas e queimadas publicamente". "Queimaremos todo aquilo que provoca que a violencia contra as mulleres aínda non estea erradicada e que nin tan sequera está nas axendas de grupos políticos que enchen a boca con declaracións politicamente correctas en datas sinaladas como este 25N, mais que logo lexislan en contra dos nosos dereitos", sinala Louro, en alusión ao PP.
Ademais, o BNG organiza a nivel nacional o soterramento do patriarcado. Será este sábado a partir das 12h en Compostela, desde a Praza do Toural até o parque de Bonaval, onde as nacionalistas celebrarán ese enterro.
Malia estar promovidos polo BNG, estes actos están abertos a toda a cidadanía que quere rebelarse contra a violencia de xénero.
O BNG apoia os actos de Vela Luz con motivo do 25N
Pola outra banda, Louro informa de que o BNG apoia os actos convocados polo colectivo Vela Luz para este domingo, 25 de novembro. Precisamente, a responsábel de Acción Feminista participará na mañá de hoxe na rolda de prensa organizada por Vela Luz para dar conta da programación do Día da non violencia contra as mulleres.
Por último, a nacionalista lembra que o BNG se nega a participar "no lavado de conciencia do PP". "De nada serven os minutos de silencio nin os actos protocolarios do 25 de novembro cando o PP lexisla en contra das mulleres e cando non está a resolver, en ningunha das institucións en que goberna, os graves problemas aos que temos que facerlles fronte as mulleres". "En vez de lexislar para promover a igualdade, o PP recorta as accións de apoio á muller e recorta en políticas contra a violencia de xénero, por iso non participaremos nesta farsa", informa a nacionalista, que denuncia que, por segundo ano consecutivo, o Goberno do Sr. Negreira nin sequera permitiu debater a moción presentada polo BNG con motivo do Día da non violencia contra as mulleres.