O PP vota en contra da Coruña ao tombar as emendas do BNG aos orzamentos galegos

O PP vota en contra da Coruña ao tombar as emendas do BNG aos orzamentos galegos

A Coruña, 11 de decembro de 2013.- O BNG da Coruña lamenta que o Partido Popular votara en contra da Coruña ao tombar nas distintas comisións parlamentares todas e cada unha das emendas parciais presentadas polas nacionalistas aos orzamentos galegos. E isto, a pesar de que o PP fixo caer os investimentos para A Coruña e a súa comarca nun 50% se comparamos os orzamentos de 2014 cos do 2013.

Así, o PP votou en contra das emendas do BNG para a rexeneración da ría do Burgo (3 millóns de euros) e para o plano de recuperación do marisqueo (800.000 euros). Deste xeito, o PP volve demostrar que despreza o colectivo de mariscadoras e mariscadores e renuncia ao impulso dun sector produtivo fundamental, como é o mar, capaz de crear postos de traballo de calidade. De feito, cando no 1990 había 2.183 persoas faneando na ría do Burgo esa cantidade caeu, a día de hoxe, até as 133 persoas.

Tamén desbotou o PP as emendas relativas á posta en marcha dun centro de día na Coruña (200.000 euros), á conexión da AP9 con Alvedro (1 millón de euros), ao estabelecemento dun tren de proximidade que una A Coruña coa comarca (1 millón de euros), á creación da Compañía Pública Ferroviaria Galega (500.000 euros), á creación dun sistema aeroportuario galego (2 millóns de euros) ou ao impulso do transporte metropolitano galego (2 millóns de euros), entre outras.

O Bloque acusa o PP de intoxicar a cidadanía con enganos e medias verdades sobre as votacións das emendas para ocultar que os orzamentos galegos son un paso máis na ruína social e económica da Coruña e para ocultar que os orzamentos de 2014 son prexudiciais para a nosa cidade. As nacionalistas emprazan o Sr. Negreira a pedirlles aos deputados coruñeses que voten a favor das emendas do BNG na sesión plenaria en que se aprobarán definitivamente estes orzamentos, pleno que terá lugar a semana que vén.

 

O PP vota en contra da Coruña ao tombar as emendas do BNG aos orzamentos galegos