O BNG considera inaceptábel que o PP volva subvencionar o Montespiño e o Peñarredonda
A Coruña, 19 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera inaceptábel e inadmisíbel a Orde do 14 de agosto de 2014, publicada onte no DOG, pola que se modifican os concertos educativos con centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de cualificación profesional inicial, formación profesional básica e ciclos de formación profesional de grao medio e superior e en virtude da cal o Partido Popular volve subvencionar os colexios que segregan o alumnado por sexo na cidade da Coruña: o Montespiño e o Peñarredonda.
As nacionalistas sinalan que esta Orde de modificación é produto da fortemente criticada LOMCE por, entre outras cuestións, degradante e sexista. E é que a LOMCE, aplaudida polo Sr. Negreira, regulariza os concertos aos centros que segregan por sexo e perpetúa as desigualdades entre mulleres e homes con cartos públicos. E isto, advirte o Bloque, mentres o PP lle mete a tesoira de xeito inxustificado ao ensino público, a través da supresión de centros, unidades e profesorado.
O Grupo Municipal do BNG lembra que o Grupo Parlamentar do BNG, unha vez o Tribunal Supremo fallou a favor da CIG botando abaixo as subvencións a centros que segregan por sexo, levou á Cámara galega unha batería de iniciativas co fin de que a Consellaría de Educación recuperase as subvencións que lles outorgou aos citados colexios.