O BNG comprométese a crear un servizo de tren de proximidade

O BNG comprométese a crear un servizo de tren de proximidade

A Coruña, 20 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña, cos concelleiros Xosé Manuel Carril, Ermitas Valencia e Xan Caxigal, e coa candidata coruñesa ao Parlamento galego, Ana Luísa Bouza, desenvolveu esta mañá un novo reparto de material informativo e unha recollida de sinaturas en defensa do tren como transporte público. En declaracións aos medios, o portavoz do BNG no Concello da Coruña reflexionou sobre a campaña propagandística de mobilidade que está a desenvolver o Goberno do Sr. Negreira.

"Que sentido ten facer campañas de concienzación ou sensibilización en mobilidade cando a propia cidadanía, que xa está moi concienciada e sensibilizada, non ten un transporte público, cómodo, accesíbel e barato?", preguntouse Carril en relación co servizo do transporte colectivo de viaxeiros da Compañía de Tranvías. Precisamente, sobre as deficiencias do servizo de autobús na cidade, o nacionalista recorreu a unha anécdota e comentou que, precisamente, Bouza chegara tarde á convocatoria debido ao atraso de 25 minutos da liña 4 de autobús, con frecuencias atrasadas desde que o Goberno local suprimiu o carril-bus.

"E que sentido ten falar dun plano metropolitano de mobilidade cando un dos eixos básicos dese plan ten que ser o tren de proximidade que o Goberno central quere suprimir?", engadiu. A este respecto, o portavoz do BNG no Concello da Coruña apuntou que "o PP da cidade debería esixirlle ao PP do Goberno central que manteña os traxectos A Coruña-Betanzos e Betanzos-Ferrol, porque foi o PP desde Madrid quen ditou un decreto que, probabelmente, suporá a desaparición destes tramos ferroviarios".

Carril esixiu que o plan de mobilidade anunciado polo Goberno local combine o uso dos camiños de ferro, o transporte marítimo, a marcha a pé a bicicleta, medios alternativos que supoñen un aforro económico e tamén enerxético. "Con estes medios alternativos, ademais de evitar a contaminación, evitaríase que a cidadanía da Coruña tiver que depender o automóbil privado", concluíu.

Bouza: "A mellora alternativa ao vehículo privado, a máis racional e a máis barata, tanto para a cidadanía como para as arcas públicas, é o tren de proximidade"

Pola súa banda, a candidata número 3 ao Parlamento galego pola Coruña, Ana Luísa Bouza, reivindicou tamén a necesidade da área metropolitana da Coruña de contar cun tren de proximidade. "Se queremos que a área metropolitana se consolide e medre, a mobilidade non pode estar baseada no vehículo particular, por iso, a mellora alternativa, a máis racional e a máis barata, tanto para a cidadanía como para as arcas públicas, é o transporte ferroviario de proximidade", afirmou. "Temos que evitar escenas como as de aquí (referiuse ao pé da pasarela que pasa por enriba de Alfonso Molina, co tráfico conxestionado á entrada e á saída da cidade). É inconcebíbel que a cidadanía teña que depender dos prezos do gasóleo cando se pode implantar un servizo de cercanías", engadiu.

Aludiu Bouza aos acordos unánimes adoptados no Parlamento de Galiza para que se crease un tren de proximidade en Galiza. "E a área metropolitana da Coruña ten que ser a primeira en poñer en funcionamento este servizo, xa que a infraestrutura básica, os camiños de ferro, xa están creados", sinalou. A candidata puxo de manifesto que "non se trata de grandes investimentos, trátase, simplemente, de vontade política". "E o BNG ten vontade política, por iso, na Xunta de Galiza, a creación dun servizo de proximidade será unha das nosas prioridades", salientou.

Festa reinvindicativa este sábado, 22, en Betanzos

Tanto Carril como Bouza chamaron á cidadanía a asistir á festa reivindicativa convocada polo BNG que terá lugar este sábado, día 22, en Betanzos. Os nacionalistas sairán da Coruña até Betanzos no tren das 17.30h para reclamar un servizo de proximidade e o mantemento do tren como transporte público.

En Betanzos, desenvolverase o acto central, a partir das 18.30 horas no Cantón de Claudino Pita, co candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, e o tamén candidato do BNG e portavoz municipal de Betanzos, Henrique del Río. A continuación, terá lugar unha visita ao Museo das Mariñas, para voltar, despois, no tren que sae de Betanzos ás 21 horas.

 

O BNG comprométese a crear un servizo de tren de proximidade