Alvedro: o BNG pide un sistema aeroportuario galego para atallar a perda constante de viaxeir@s

Alvedro: o BNG pide un sistema aeroportuario galego para atallar a perda constante de viaxeir@s

A Coruña, 14 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pregúntase a que espera o Goberno do Sr. Negreira para atallar os continuos descensos no número de persoas que viaxan desde Alvedro. Precisamente, no mes pasado, con 49.714 pasaxeiros e pasaxeiras, deuse o peor arranque do ano no aeroporto coruñés desde o 2005. Con respecto a xaneiro de 2012, a cifra caeu en 13.484 persoas, o que representa un 21,3% menos, e o número de operacións caeu un 35,3%. Estes datos que vimos de coñecer súmanse ás cifras nada alentadoras do conxunto do ano: no 2012, empregaron Alvedro 845.452 persoas, un 16,5% menos que no 2011 e as operacións descenderon case un 16%.

A vista deste panorama, as nacionalistas apostan por que o Goberno municipal dea o brazo a torcer e aposte polo modelo que vén defendendo o BNG: o sistema aeroportuario galego, enfocado na cooperación, equidade e complementariedade de Alvedro, Lavacolla e Peinador. As nacionalistas subliñan a necesidade de optimizar recursos e equipamentos dos tres aeroportos, máxime no contexto de crise en que estamos. Así, pídenlle ao Goberno municipal que reflexione e reconsidere a postura que está a manter respecto do aeroporto. E é que o Goberno do Sr. Negreira tombou en Pleno varias iniciativas das nacionalistas para emprazar a Xunta de Galiza a solicitarlle ao Estado a transferencia das competencias en materia aeroportuaria. Deste xeito, acabaríase co modelo centralista e unipolar do sistema aeroportuario español, que acentúa a condición periférica de Galiza, impide a viabilidade de Alvedro e que só beneficia o aeroporto de Saa Carneiro, en Porto.

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pídelle realismo ao Goberno do Sr. Negreira, máis dado na política de ficción e titulares con Alvedro. Lembran as nacionalistas os anuncios a bombo e platillo da chegada de Turkish Airlines á Coruña, cando a operadora acabou marchando para Lavacolla, ou da chegada de Air Europa, que o propio alcalde anunciara para marzo e cuxa chegada a Alvedro non se contempla a curto prazo, tal e como vén de indicar a compañía.

Alvedro: o BNG pide un sistema aeroportuario galego para atallar a perda constante de viaxeir@s