O BNG chama a cidadanía a participar activamente na folga xeral
A Coruña, 13 de novembro de 2012.- O BNG da Coruña secundará e participará activamente na xornada de folga xeral que terá lugar mañá. Os concelleiros do Grupo Municipal, que farán folga e que participarán na manifestación con saída ás 12h da praza da Palloza, animan a cidadanía da Coruña a secundar o paro xeral, porque "estamos ante un roubo ao pobo". Así, os nacionalistas pídenlles ás persoas con emprego que non acudan ao seu posto de traballo e ás persoas desempregadas, pensionistas e ao estudantado, que non consuman e que acudan á mobilización convocada polos sindicatos.
O BNG da Coruña advirte de que o Partido Popular está a empregar a crise como escusa para recortar aínda máis os dereitos da cidadanía e sinala que a situación de asfixia social é o suficientemente dramática para que esta convocatoria estea máis que xustificada. "É hora de que a cidadanía dea unha resposta contudente á política de saqueo do PP", salientan os nacionalistas, que engaden que "a austeridade só leva a máis desemprego, ao empobrecemento da poboación e á eliminación dos servizos públicos".