A Autoridade Portuaria esquece o abandono dos orzamentos xerais do Estado
A Coruña, 3 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que a Autoridade Portuaria non aproveitara a reunión do seu Consello de Administración esta mañá para tratar tamén os orzamentos xerais do Estado, unhas contas que renuncian á conexión ferroviaria de Punta Langosteira e que non dedican nin un só euro ás obras previstas no Parrote.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que o propio presidente da Autoridade Portuaria recoñeceu que a falta de conexión ferroviaria do porto exterior fixo perder contratos con empresas. E é que supón moito menos custoso o transporte de graneis a través de camiño de ferro que por estrada. Precisamente, o Sr. Losada explicou que o traslado do clínker a Langosteira requiriu de 1.700 traxectos de camión, cando esta operación podería completarse en só 30 viaxes de ferrocarril.
Os nacionalistas non entenden como o Consello de Administración da Autoridade Portuaria renunciou a tratar o abandono da conexión ferroriaria dada a importancia que ten para Punta Langosteira. E é que, cos ridículos 50.000 euros, o Goberno central do PP impide que o porto exterior opere con normalidade, que se converta en revulsivo económico da cidade e da comarca e que conte cun proxecto industrial real. Os nacionalistas engaden que para seguir recibindo axudas de Bruxelas, Punta Langosteira ten que contar coa conexión por camiños de ferro.
Tamén salienta o Grupo Municipal do BNG que o Consello de Administración do Porto debería velar polo financiamento das obras do Parrote, xa que os orzamentos xerais non dedican nin un só céntimo a estas actuacións que se acometen en terreos propiedade do Estado. Denuncian os nacionalistas que as obras do Parrote seguen sen ter cobertura orzamentaria, xa que nin Xunta nin Goberno central comprometeron fondos para o proxecto. Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG pregúntase de onde van saír os cartos para que o Sr. Negreira lle pague o agasallo a Copasa no Parrote.