O BNG exixe atallar as verteduras fecais á rúa O Canedo (Elviña)
A Coruña, 6 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dunha pregunta escrita e mais dun rogo para que o Goberno do Sr. Negreira adopte as medidas oportunas para pórlle fin ás verteduras de augas fecais procedentes do edificio de Departamentos da Escola Técnica Superior de Arquitectura.
A veciñanza da rúa O Canedo, en Elviña, transmitiulle ao BNG as súas queixas polas augas fecais que baixan polo muro de contención da finca anterior ao edificio universitario. As verteduras, que salpican o viario situado a escasos metros das vivendas, están a provocar insalubridade e un forte cheiro na zona.
Segundo os veciños e veciñas, que xa se puxeron en contacto co Concello, as verteduras teñen lugar desde hai aproximadamente mes e medio. Porén, o Goberno do Sr. Negreira nada fixo por garantir a resolución deste problema.