A alternativa á peonalización do PEPRI non pode ser o negocio dos aparcadoiros privativos de pago

A alternativa á peonalización do PEPRI non pode ser o negocio dos aparcadoiros privativos de pago

A Coruña, 11 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a alternativa da peonalización que contempla o PEPRI, que se remite ao PMUS, non pode ser o negocio dos aparcadoiros privativos de pago. Os nacionalistas sinalan que aínda que o documento do PEPRI recoñece que existe un problema de conxestión do tráfico no ámbito deste plan e que hai unha ocupación abusiva do espazo público polo automóbil, o certo é que as solucións propostas polo goberno municipal están pensadas non para eliminar o tráfico de vehículos privados senón para reordenar a súa circulación e reconducilo aos aparcadoiros privativos.

Neste contexto, o PEPRI propón unha reordenación da circulación viaria (aproveitando os famosos e multimillonarios túneles do Parrote e da Mariña), ao mesmo tempo que fai unha nova distribución dos aparcadoiros na rede viaria, eliminando prazas en superficie, estendendo o uso da ORA á totalidade do ámbito de aplicación e derivando aos aparcadoiros de pago, sinaladamente, aos soterrados e de nova creación (O Parrote).

Con estas restricións á circulación, estabelecidas teoricamente para incrementar a peonalización das zonas, o gran beneficiado é o negocio dos aparcadoiros privados. Porén, a única maneira de garantir o avance serio e real do proceso de peonalización é incentivar o uso do transporte alternartivo ao vehículo particular, que non se contempla no PEPRI, dado que se remite ao que se decida no seu momento polo PMUS. Deste xeito, córrese o risco de que esta peonalización sexa utilizada de xeito mercantilista para incrementar o negocio dos aparcadoiros privados, e non para garantir a calidade de vida da veciñanza.

Neste sentido, as mencións que figuran no PEPRI ao transporte urbano colectivo (o que presta a Compañía de Tranvías), como unha das alternativas ao vehículo particular, son, precisamente, para evidenciar as súas carencias e o funcionamento deficitario. E non só iso, senón que ao mesmo tempo pon de manifesto a necesidade de que convivan o carril bus coa vía prioritaria vixiada, afirmando que son compatíbeis e que se deberían estender a toda a cidade, que é algo que xa lle indicou, en reiteradas ocasións, o BNG ao Goberno municipal, só preocupado pola eliminación do carril bus.

 

A alternativa á peonalización do PEPRI non pode ser o negocio dos aparcadoiros privativos de pago