Ana Pontón comprométese coa defensa dos animais e coa abolición das touradas
A Coruña, 26 de setembro de 2012.- Ana Pontón, candidata número dous pola Coruña e anterior portavoz parlamentar, Vitoria Louro, membro da candidatura en representación da cidade, e Suso Bermello, tamén membro da candidatura en representación da cidade, reuníronse esta tarde con Rubén Pérez, representante dos colectivos pro animais Libera, Fondation Franz Weber, Galiza, Mellor sen Touradas e do Observatorio Zoogal para trasladarlle ao BNG unha serie de iniciativas sociopolíticas para mellorar a situación dos seres vivos.
En rolda de prensa posterior ao encontro, a candidata Ana Pontón puxo de manifesto que o BNG recolle no programa co que concorre ás eleccións do 21 de outubro o fomento do respecto e da protección animal. A nacionalista expresou o respecto claro do BNG cara aos animais e cara ao impulso da súa defensa. Nesta liña, salientou a proposta recollida no programa para emprender as modificacións normativas necesarias que impidan a celebración de touradas no país, como noutras partes do Estado ou no norte de Portugal.
Ana Pontón aludiu á estreita colaboración do BNG coas entidades representadas por Rubén Pérez, ao compartir o marco necesario para avanzar na defensa dos animais. Precisamente, lembrou a presentación de iniciativas por parte do BNG no Parlamento galego a instancias de Galiza, Mellor sen Touradas, e a creación dun espazo para a defensa dos animais para fomentar a participación do tecido asociativo na Cámara.
Pola outra banda, o candidato Suso Bermello e a candidata Vitoria Louro salientaron que o BNG da Coruña recolleu no programa electoral co que se presentou ás eleccións municipais un apartado específico en defensa dos animais, froito das numerosas reunións con entidades animalistas.
Ademais, Rubén Pérez apelou á imperiosa necesidade de mellorar os dereitos e a protección dos animais. Así, pediu a abolición das touradas, tiro ao pombiño, unha nova Lei de Protección Animal, a mellora do control e inspección dos parques zoolóxicos ou o maltrato nos circos.