O BNG amosa a súa satisfacción polo 24 de xuño festivo
A Coruña, 26 de setembro de 2013.- En resposta ás preguntas dos medios no inicio dun reparto informativo en Monte Alto sobre a planta de Nostián, Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal do BNG, volveu poñer de manifesto a satisfacción da formación nacionalista por que o San Xoán, festividade de marcado carácter pagán, galega e de barrios, con moita popularidade na Coruña, sexa festivo local no 2014. Precisamente, Carril aludiu ás iniciativas institucionais presentadas polo BNG para declarar festivo o 24 de xuño e mais as inciativas na rúa, como o reparto das herbas de San Xoán.
En virtude do real decreto 2001/1983, dos 14 festivos anuais, 9 son , marcados polo Estado, teñen carácter obrigatorio e non son substituíbeis, a non ser que caian en domingo (1 de xaneiro, venres santo, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro e 6, 8 e 25 de decembro); 3 son elixidos polas autonomías e 2 son escollidos polos Concellos, última Administración en escoller feirado. Para o 2014, en base ao decreto 127/2013, a Xunta de Galiza, amais dos festivos obrigatorios, elixe o 6 de xaneiro, o xoves santo, o 25 de xullo e o 17 de maio (este último, en substitución do 12 de outubro).
Así, se nun futuro a Xunta de Galiza escolle o 24 de xuño como feirado nacional en substitución dalgún feirado que caia en domingo (no 2015 até 3 festivos caen en domingo), o Concello non perdería o dereito a nomear outro festivo.