O BNG protesta contra a venda de Novagalicia Banco a prezo de saldo

O BNG protesta contra a venda de Novagalicia Banco a prezo de saldo

A Coruña, 20 de decembro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña acusa o Partido Popular de consumar a colonización financeira de Galiza ao permitir o control do 40% do aforro do país en mans da entidade venezolana Banesco. Sinala o BNG que, malia ter a metade de activos que NGB, Banesco quédase coa entidade galega a prezo de saldo, por 1.003 millóns de euros, dos que 600 os abonará en cómodos prazos até 2018.

Como contribuíntes, denuncia o Bloque, perdemos 8.000 millóns de euros (xa que o Goberno lle concedera a NCG Banco para o seu saneamento 9.000 millóns de cartos públicos) e, tamén, perdemos a oportunidade de contar cunha banca pública galega por tan só de 400 millóns de euros. Nesta liña, os nacionalistas poñen de manifesto que seguirán loitando para que Galiza teña unha banca pública e propoñen, como primeiro paso, a creación inmediata dun Instituto de Crédito Oficial que lles facilite o crédito ás empresas e ás familias, sen renunciar á recuperación da entidade no futuro, como fixo a propia Venezuela co Banco Venezolano das mans do Santander.

O BNG vaille solicitar á Fiscalía Anticorrupción que abra un expediente de investigación por posíbel malversación de fondos públicos e prevaricación

Pola outra banda, o Bloque BNG vaille solicitar á Fiscalía Anticorrupción que abra un expediente de investigación por posíbel malversación de fondos públicos e prevaricación, tendo en conta que se elixe o peor momento para a venda da entidade e dada a perda inxustificada de 8.000 millóns de euros, ás que habería que sumar os máis de 500 millóns de euros roubados pola estafa da preferentes aínda sen recuperar.

Convocatoria social de concentración esta tarde, ás 20.30h, na rúa Nova

O BNG da comarca, representado polo responsábel comarcal, Paulo Carballada, e demais cargos orgánicos e institucionais dos diferentes concellos, participará hoxe na concentración autoconvocada contra a venda de Novagalicia banco, que terá lugar ás 20.30h diante da sede da entidade bancaria, na rúa Nova.

 

O BNG protesta contra a venda de Novagalicia Banco a prezo de saldo