O BNG advírtelle a Negreira que quen aparece no sumario da Operación Zeta e está implicado é o PP

O BNG advírtelle a Negreira que quen aparece no sumario da Operación Zeta e está implicado é o PP

negreiraA Coruña, 31 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a deixar de confundir a veciñanza, que sabe quen aparece no sumario e quen está implicado na “Operación Zeta” é o propio Partido Popular. Precisamente, o alcalde segue negándose a aclarar as estreitas relacións que mantiña con Gerardo Crespo, malia que o propio sumario constata que o Sr. Negreira tiña coñecemento previo de moitas das actuacións do imputado a través de correos electrónicos.

Como exemplos de que o Sr. Negreira coñecía con antelación as accións de Crespo, o Grupo Municipal do BNG recolle dous correos electrónicos incluídos no sumario, de 2010, da época en que Negreira era parlamentario. Así, nun mail que Crespo lle remite a Negreira o 24 de agosto de 2010, o imputado envíalle ao actual alcaldade da Coruña un comunicado de prensa que “responde a los aspectos que hemos comentado a lo largo de esta mañana”. Engade que “esta misma tarde, se enviará a los medios de comunicación para su difusión”. Deste xeito, Crespo pedíalle a Negreira o seu visto e prace a unha nota de prensa coa que responde ás acusacións do alcalde de Oleiros de lograr adxudicacións a dedo e coa que responde ás sospeitas lanzadas polo entón portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, tamén en relación ás adxudicacións.

Noutro correo, de 8 de outubro de 2010, Crespo envíalle o Sr. Negreira outro comunicado de prensa da Liga Cívica Alas Coruña na que se critica que a Xunta de Galiza eliminara o tramo da Vía Ártabra entre a AP9 e a A6. No mail, Crespo, erixíndose como defensor e mediador dos intereses do Partido Popular, partido no que militaba, escríbelle ao Sr. Negreira: “te mando en un archivo adjunto, la nota de prensa que Alas quiere enviar, no la he podido parar más. La he suavizado lo más que pude, me ha costado mucho que no aparezcas mencionado, aún así quiero que le eches un vistazo, si no la envío tendré que dimitir”. Outravolta, evidénciase que os lazos de amizade entre os dous eran fortes e non se trataba simplemente dunha relación común cun dirixente veciñal, tal e como intenta facer ver o Sr. Negreira.

Amais dos correos electrónicos, o sumario tamén recolle SMS entre O Sr. Negreira e Crespo e alude a arquivos informáticos que dan conta das ordes do día de reunións mantidas entre ambos en 2011. O sumario sinala que estas ordes do día de reunión “describen asuntos de interés, siendo entre otros subveniones concretas solicitadas por el Grupo, así como materias referentes al movimiento vecinal en A Coruña o favores concretos para terceros”.

O BNG exixe unha auditoría para coñecer todos os contratos e subvencións do Concello coas empresas e asociacións implicadas na “Operación Zeta”

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG exixe que se faga unha auditoría para coñecer todos os contratos e subvencións concedidos polo Concello da Coruña coas empresas e asociacións implicadas na “Operación Zeta”. As nacionalistas xa reclamaran en notas de prensa de 17 de outubro de 2014 e de 24 de outubro de 2014 que se elaborase un inventario coa relación de contratos e axudas do Concello –e non só do actual Goberno- ao grupo de Gerardo Crespo, e que se puxesen a disposición xudicial.

 

O BNG advírtelle a Negreira que quen aparece no sumario da Operación Zeta e está implicado é o PP