Orzamentos: O "gordo" que cae é o sopapo que recibe Negreira no Parrote e fábrica de tabacos
A Coruña, 19 de outubro de 2013.- Nunha primeira valoración sobre o impacto dos orzamentos galegos na Coruña, o Grupo Municipal do BNG advirte de que o verdadeiro gordo que cae na cidade é o sopapo que recibe o Sr. Negreira no Parrote e na Fábrica de Tabacos. E é que as contas galegas certifican o pouco interese do Goberno galego nos caprichos do alcalde no Parrote. Mais tamén o incumprimento do Goberno galego coa cidadanía coruñesa na Fábrica de Tabacos, con cantidades consignadas insuficientes e que non garanten o remate das obras en prazo.
Así, os orzamentos de 2104 evidencian que as previsións marcadas nos orzamentos de 2013 para o túnel do Parrote e para a Fábrica de Tabacos ficaron en papel mollado e, en consecuencia, apuntan a un máis que probábel atraso. No caso do Parrote, mentres que os orzamentos de 2013 recollían unha previsión de 7 millóns de euros para o 2014, os orzamentos de 2014 consignan tan só 3,5 millóns. No caso da Fábrica de Tabacos, mentres que os orzamentos de 2013 recollían unha previsión de 8,5 millóns para o 2014, os orzamentos de 2014 consignan tan só 3,5 millóns.
Tampouco se cumpren as previsións no relativo á ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, con tan só 350.000 euros, cartos que non chegan para acometer a obra, e á reforma do IES Eusebio da Guarda, que volve levar a mesma cantidade que o ano pasado, 50.000 euros.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG advirte de que non existe partida orzamentaria ningunha para novos equipamentos sociais: nin centros de día, nin centro de alzhéimer, nin escolas infantís, nin residencia universitaria. Un ano máis non temos nin un céntimo para as promesas en equipamentos sociais do Sr. Negreira.
Por último, o Grupo Municipal do BNG advirte da insuficiente cantidade destinada á ría do Burgo, para a que se consigna 1 millón de euros co fin de mellorar a estación de bombeo do Temple nos días de chuvia. Lamenta o BNG que os orzamentos de Mar non recollan para o 2014 o plan de mellora de produción no Concello da Coruña, que no 2013 recibiu 2,3 millóns.