O BNG acusa o PP de desenvolver unha campaña de acoso e derribo aos mariñeiros do cerco
A Coruña, 27 de marzo de 2015- O BNG da Coruña acusa o Partido Popular de estar a desenvolver unha campaña de acoso e derribo aos mariñeiros do cerco, despois de que a Asociación de Armadores do Cerco de Galiza (ACERGA) ameazase con acudir aos mítins do PP durante a campaña electoral se o partido do Sr. Negreira segue a negarse a solucionar os graves problemas do sector. A principal reivindicación dos mariñeiros, explica o BNG, pasa por que se lles volva permitir o traspaso de peixe dunha rexión a outra e tamén entre autonomías e que Galiza pase a formar parte dunha única rexión cos mesmos dereitos e deberes e non de dúas distintas.
Esta advertencia dos mariñeiros está a ter como consecuencias as coaccións, inspeccións e mentiras por parte das Administracións controladas polo Partido Popular. Precisamente, a concelleira e candidata María Xosé Bravo e o deputado Daniel Rodas acudiron na tarde de onte ao porto coruñés para acompañar os armadores que recibían o Mar de Alba, unha embarcación que foi inspeccionada de malos modos e á que se lles obrigou a asignar unha captura de 11.000 kg. cando, realmente, pescaran só 9.000 kg.
Multa por non levar bandeira española
Ademais, a Garda Civil do mar impediulle ao Mar de Alba entregarlle unha parte do peixe que viña de capturar a dúas embarcacións pequenas. Non contentos con isto, denuncia o Bloque, os barcos foron inspeccionados e resultaron sancionados por non portar a bandeira española.
María Xosé Bravo, que estaba agardando a chegada do Mar de Alba xunto con Rodas, explica que no porto da Coruña se vivirion momentos de moita tensión, xa que estaba agardando a embarcación inspectores da Unión Europea, que obrigaron os mariñeiros a solicitar o permiso de Madrid para descargar os 11.000 kg. no porto da Coruña.
O BNG contextualiza este acoso que sufriu o Mar de Alba e as outras dúas embarcacións na política de desmantelamento que defende o Partido Popular.