O BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de ser cómplice do vertedoiro de Penamoa
A Coruña, 29 de decembro de 2014- Máis dun mes despois de que o Grupo Municipal do BNG denunciara, a instancias de veciños e veciñas do Ventorrillo e da Silva, o vertedoiro no que se está a converter o descampado de Penamoa, o Goberno do Sr. Negreira nada fixo. De aí que as nacionalistas, que exixen a limpeza e adecentamento destes terreos, critiquen o seu pasotismo e o acusen de cómplice.
O Grupo Municipal do BNG advirte da presencia de elementos altamente contaminantes e de numerosos cascallos e refugallos, entre os que poden atoparse até pantallas de computadores. As nacionalistas sinalan que este é un exemplo máis da maneira en que o Sr. Negreira concibe a cidade: A Coruña do luxo na Mariña-O Parrote e A Coruña dos barrios, desprezados e abandonados.