O BNG-AA preséntase en todos os Concellos da comarca da Coruña

Membros das candidaturas do BNG-AA aos concellos da comarca
O BNG-AA preséntase en todos os Concellos da comarca da Coruña

Membros das candidaturas do BNG-AA aos concellos da comarca

Cambre, 19 de abril de 2015- O BNG-Asembleas Abertas presentou esta mañá publicamente as candidaturas dos Concellos de toda a comarca, nun acto no que se puxo de manifesto a aposta pola creación da área metropolitana como garantía para saír da política localista dilapidadora de recursos públicos e no que se marcou como prioridade a promoción e creación de emprego e mais o benestar social.

Antes de dar comezo o acto, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, salientou en declaracións aos medios que “os Concellos gobernados polo BNG-AA van ser ferramenta de mudanzas e de ruptura coas prioridades políticas, con actuacións comarcais como piar de benestar dos veciños e das veciñas”. Así, propuxo a creación da área metropolitana, coa implantación dun novo modelo de xestión de residuos urbanos e o do ciclo da auga, así como o impulso do transporte público metropolitano, entre o que destacou a proposta do transporte marítimo e do tren de proximidade. Tamén sinalou que a comarcalización chegará á promoción e desenvolvemento turístico, cultural e deportivo dos Concellos a través de accións conxuntas.

“As candidaturas do BNG-AA de todos os concellos da comarca teñen a vontade de facerlle fronte ao destino marcado por outros e que condena milleiros de persoas da área da Coruña ao desemprego, á emigración, a non poder vivir da terra ou do mar, a ter traballos precarios, a non poder escoitar a súa lingua ou a non poder gozar do seu medio natural nin da cultura”, salientou o responsábel comarcal do BNG.

Paulo Carballada sinalou que coa presentación destas candidaturas “queremos explicitar a vocación do BNG-AA de ser un proxecto xenuinamente galego” e salientou que “o BNG-AA vai concorrer cuns candidatos e candidatas renovadas nun alto grao, cargadas de ilusión e que contaron co apoio unánime das asembleas locais”.

No acto, presentado pola candidata independente de Cambre Cristina Bajo, tomaron a palabra Xosé Manuel Carril, candidato pola Coruña, Tono Chouciño, candidato por Culleredo, Vitoria Louro, candidata por Carral, Dani Carballada, candidato por Cambre, Liss Becerra, candidato por Sada, Estefanía Busto, candidata por Oza-Cesuras, Silvia Seixas, candidata por Arteixo, David Carro, candidato por Bergondo, e Henrique del Río, candidato por Betanzos. Tamén interviron ao pé da ría do Burgo o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e a secretaria nacional de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín.

 

As candidaturas do BNG-AA por Concellos

A Coruña: Xosé Manuel Carril

Abegondo: Cristina López

Aranga:Xosé Manuel López

Arteixo: Silvia Seixas

Bergondo: David Carro

Betanzos: Henrique del Río

Cambre: Dani Carballada

Carral: Vitoria Louro

Cerceda: Rocío Da Igrexa

Coirós: Pura Ferreño

Culleredo: Tono Chouciño

Irixoa: Rosa Rivas

Miño: Olalla Barro

Oleiros: Fran Rei

Oza-Cesuras: Estefanía Busto

Paderne: Manel Pérez

Sada: Liss Becerra

O BNG-AA preséntase en todos os Concellos da comarca da Coruña