Avia Veira pídelle ao Sr. Negreira que non faga negocios con Gas Natural Fenosa
A Coruña, 21 de maio de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira participou esta mañá na mobilización convocada polas traballadoras de Teleperformance para esixir o mantemento do actual nivel de emprego, logo de que se coñecera que Gas Natural Fenosa eliminará, a partir do 1 de xuño, a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial, que prestaba, até o de agora a empresa Iberphone SAU (Teleperfomance), unha manobra que provocará o despedimento directo de 43 persoas. Porén, Avia Veira advirte de que a destrución de emprego será maior, superando os 70 postos de traballo, dado que a empresa está a aproveitar para desenvolver un proceso de reestruturación. Precisamente, durante o transcurso da concentración deste mediodía, a empresa despediu catro traballadoras.
Ante esta situación, a concelleira do BNG denuncia a pasividade do Goberno municipal, ao que lle esixe que non faga negocios con Gas Natural Fenosa polos despedimentos en Teleperformance. A Xunta de Goberno Local da pasada semana autorizou o gasto, aprobou o expediente de contratación e dispor a apertura do procedemento de adxudicación do subministro de enerxía eléctrica en baixa e media tensión no Concello da Coruña, servizo que ascende a 6,3 millóns de euros anuais. Esperemos que o alcalde teña en conta os despedimentos en Teleperformance á hora de adxudicar este servizo, que prestaba, nos últimos anos, Gas Natural Fenosa, salienta a edila.
Avia Veira critica que os recursos naturais de Galiza estean a xerar beneficios e dividendos fóra do país sen deixar proveito ningún na terra á vez que Gas Natural Fenosa acaba cos postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa.
Iniciativas no Parlamento de Galiza e no Concello da Coruña
A edila do BNG lembra que as nacionalistas levaron ao Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas co fin de esixir a mediación da Xunta de Galiza. O Grupo Parlamentar do BNG pídelle ao Goberno galego que garanta os postos de traballo en Teleperformance e que emprace a Gas Natural Fenosa a rectificar a súa decisión de eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial. Reclama, ademais, que a Xunta de Galiza realice as accións precisas para garantir os dereitos laborais das traballadoras da empresa.
Por último, a concelleira Avia Veira pide que o Goberno municipal cumpra co rogo oral formulado polo BNG no último Pleno do Concello da Coruña, unha iniciativa na que as nacionalistas reclamaban o apoio de toda a Corporación municipal ás traballadoras de Teleperformance.