O aparcadoiro das Conchiñas non vai resolver o problema de estacionamento que padece o barrio
A Coruña, 14 de abril de 2013.- O Grupo de Barrio do BNG na Agra do Orzán pon de manifesto que o aparcadoiro que se vai construír nas Conchiñas non vai resolver o problema de aparcadoiro que sofre a zona. Trátase, sinalan as nacionalistas, de 114 prazas en rotación e 71 en réxime de concesión a 50 anos, que non cobren, nin de lonxe, as prazas anuladas en superficie por mor das obras que se fixeron nas rúas próximas á praza.
As nacionalistas advirten de que tal investimento, 2.207.766,51 euros, en época de crise carece de sentido e salientan que só van poder facer uso do aparcadoiro as persoas que nestes momentos teñan cartos para pagar as prazas. Ademais, apuntan que esta zona verde que frecuenta acotío boa parte da cidadanía non vai poder usarse durante dous anos. De aí que insistan en que é necesario empregar as parcelas públicas colindantes co Observatorio Meteorolóxico para zona de uso colectivo e público, de acordo coa Dirección do Observatorio e mantendo o seu funcionamento.
Tamén salienta o Grupo de Barrio do BNG na Agra que nin sequera hai proxecto de urbanización da superficie do aparcadoiro como se sinala no informe municipal de 22.02.2013. Por iso, urxen o Goberno municipal a falar coa veciñanza para o seu deseño e que este sexa acaído a todas as idades, desde a infancia até as persoas maiores.