A ampliación de Alfonso Molina non é a solución á conxestión crónica de coches privados
A Coruña, 10 de xuño de 2014- En relación ao anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galiza sobre Resolución do Ministerio de Fomento de aprobación do expediente de información pública Documento para información pública. Ampliación de catro carrís da Avda. Alfonso Molina..., o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que alén da ampliación de Alfonso Molina son necesarias máis actuacións para acabar coa conxestión crónica de tráfico rodado que sofre esta vía. Lembra o Bloque que os últimos datos (de 2008) apuntan que máis de 145.000 coches circulan ao día por esta vía.
O Grupo Municipal do BNG considera fundamental traballar máis alá da mobilidade por estrada e aposta por investir no transporte colectivo metropolitano, co fin de evitar que continúen entrando e circulando vehículos particulares na cidade. Así, o Bloque é partidario de mellorar o transporte público interurbano e de desenvolver un tren de proximidade en clave de frecuencia, axilidade, comodidade, boas conexións e prezo asequíbel, para que poida converterse nun auténtico servizo de interese xeral alternativo ao automóbil privado.
O BNG lamenta que o ferrocarril sexa o grande esquecido dentro do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS), que non fai unha aposta seria, real e decidida polo tren como medio alternativo ao uso do automóbil privado. Tan só se contempla un estudo dunha liña ferroviaria de proximidade para se realizar no prazo de dous anos.