Xuntanza coa Asociación Galega de Turismo Sostíbel: cómpre pór fin á barra libre da que gozan os pisos turísticos
“Cómpre unha ordenación clara para evitar a proliferación excesiva de pisos turísticos en zonas que se poden acabar baleirando de residentes habituais e tamén para frear fenómenos de competencia desleal”, considera o noso voceiro no Concello e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera.
Existe falta de regulación e tamén falta de control por parte do Goberno Local, tal e como se desprende dunha recente resposta do Executivo coruñés a unha pregunta formulada pola nosa concelleira Avia Veira a respecto do número de pisos turísticos existentes na Cidade Vella e na Pescaría.
Nunha política de vivenda digna de tal nome, é preciso inserir unha regulación efectiva dos pisos turísticos, defende Jorquera.
Para o candidato nacionalista á Alcaldía, é moito o que pode facer o Concello para mellorar unha situación que se caracteriza polo cada día máis difícil acceso das coruñesas e dos coruñeses a unha vivenda no termo municipal: “Desde o Concello cómpre apoiar de xeito máis decidido a rehabilitación, incrementar o parque de moradas de titularidade municipal para as ofertar en aluguer a prezo taxado. E desde logo hai que regular os pisos turísticos”.
O BNG rexistrará iniciativas a este último respecto nos próximos días.