RESPOSTA A UNHA PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
O Goberno Local non nos precisa cando vai rematar a reforma das fachadas do CEIP Raquel Camacho
“Esta parte do edificio na que aínda non se interveu acolle as aulas de 4º e de 5º de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria”, refire Veira na pregunta que dá orixe a esta resposta do Goberno Local.
O BNG rexistrou esta iniciativa após facer unha visita ao CEIP da man da súa ANPA e de coñecer os problemas que ten o edificio, que van alén da reforma pendente desta fachada. Cómpre, por exemplo, facer obra para que non chova dentro do seu patio e “completar as paredes da actual estrutura para poder practicar realmente a cuberto educación física, actividades extraescolares, organizar actuacións ou actividades de varias aulas xuntas ou de todo o centro, ante a ausencia dun pavillón ou dun salón de actos” neste CEIP.
“O estado actual do patio é lamentábel, con fochancas no chan e buratos na cuberta. Xa tiveron que intervir varias veces os bombeiros polo perigo que supón a cubrición tan precaria, sobre todo cando vai vento”, relata Veira.
O BNG rexistrou esta iniciativa após facer unha visita ao CEIP da man da súa ANPA e de coñecer os problemas que ten o edificio, que van alén da reforma pendente desta fachada
Sobre hipótese de fechar o patio para o converter nun pavillón, tal e como demanda a ANPA e cuestión pola que se interesaba Avia Veira nesta pregunta, o Goberno Local afirma que esa obra iría alén “dunha reparación do existente” e que, polo tanto, se se fixer, “sería unha competencia da Xunta”.
Outra das preocupacións das nais e pais ten a ver co estado en que se atopan os baños, coas billas en non moi boas condicións. Verbo disto o Goberno Local afirma que “o arranxo das billas estase a tramitar polo contrato de mantemento”.
De resto, ao Goberno Local non lle consta a “existencia de praga ningunha de couza no centro”, un problema que afecta as portas dos baños e do comedor e do que a ANPA si informou o BNG na visita ao CEIP. “Poñerémonos en contacto coa dirección do centro. De existir esta praga teremos que actuar no verán cando o centro estea baleiro ou cando a empresa encargada diga como facer”.