QUEIXAS VOLVE LEVAR O ASUNTO AO PARLAMENTO GALEGO

A Xunta mente: ao COF de Orillamar continúa a faltarlle unha praza de xinecoloxía a tempo completo

Mercedes Queixas co persoal facultativo do COF de Orillamar
Mercedes Queixas toma notas durante a súa reunión co co persoal facultativo do COF de Orillamar
Pese ao malestar que existe no persoal facultativo de Centro de Orientación Familiar -co que o BNG se reuniu recentemente- e pese ao traballo político de denuncia feito pola formación nacionalista, o COF de Orillamar continúa sen ter as dúas prazas de xinecoloxía cubertas a tempo completo, das que este servizo debe, estatutariamente, estar dotado.
A Xunta mente: ao COF de Orillamar continúa a faltarlle unha praza de xinecoloxía a tempo completo

É por iso que a deputada nacionalista Mercedes Queixas volve levar o asunto ao Parlamento galego en forma dunha batería de iniciativas: unha proposición non de lei, dúas preguntas orais -unha para o Pleno, outra para a Comisión de Sanidade- e unha cuestión por escrito.

En resposta a unha iniciativa anterior, o Goberno galego limítase a dicir que no COF “todas as prazas de persoal sanitario do SERGAS están actualmente cubertas con persoal estatutario”.

Mais iso non é certo, como a nosa deputada tivo a oportunidade de comprobar nunha recente visita ao COF: o centro só dispón dunha praza fixa desde 2020, a outra -que tamén debería ser permanente- só se cobre “en momentos puntuais e intermitentes”.

20240919_093832
Un momento do encontro

A consecuencia desta falta de cobertura das prazas asignadas a este centro é “unha listaxe de agarda dunhas 80 persoas, entre as que hai mulleres que interromperon voluntariamente o seu embarazo e precisan revisións”, remarca Queixas. A carencia de persoal orixina tamén “a imposibilidade de programar citas para atender a saúde sexual e reprodutiva das pacientes”.

Queixas cualifica o COF de Orillamar -como tamén o do Ventorrillo- como centro referente na área sanitaria da Coruña “a respecto do asesoramento anticonceptivo e educación afectivo-sexual”, ben como tamén no que atinxe a “anticoncepción de urxencia, as terapias de parella con problemas afectivo-sexuais, a interrupción legal da xestación ou a xestión do duelo perinatal”.

“No entanto”, censura, “a calidade na atención médica dos dous COF da Coruña leva anos sufrindo recortes de persoal e desatención por parte da Xunta”.

“Volvemos rexistrar iniciativas no Parlamento galego”, salienta Queixas, “para que o PP cubra a totalidade do persoal sanitario do COF de Orillamar”. “Que cumpra coas obrigas que ten coas mulleres da Coruña”, conclúe.

 

A Xunta mente: ao COF de Orillamar continúa a faltarlle unha praza de xinecoloxía a tempo completo