JORQUERA E VEIRA VISITAN O NÚCLEO MARIÑEIRO, QUE DEBE SER PRESERVADO
Nós si falamos coa veciñanza das Xubias
Na reunión constataron o grande malestar que existe entre as veciñas e veciños das Xubias ante a falta de información directa por parte do Goberno Local sobre o convenio asinado co fondo de investimento suízo Gingko para a transformación urbanística do barrio, un núcleo mariñeiro ao pé da Ría do Burgo de enorme valor patrimonial e paisaxístico.
Transmitíronnos que a única información de que dispoñen é a que lles ten chegado polos medios de comunicación e polo propio fondo de investimento suízo. No encontro con Gingko, portavoces desta compañía dixéronlles que á hora de construír na zona o único marco legal ao que se teñen que ater é o PXOM de 2013, que prevé a edificación de 631 vivendas.
“Alén da visita mediática que fixo a alcaldesa ás Xubias, acompañado polo arquitecto David Chipperfield, non houbo ningún contacto, ningunha reunión formal, por parte do Executivo coruñés coa veciñanza”, censura Jorquera. “Criticamos ese proceder. Demandamos do Goberno Local que actúe sempre con transparencia e escoitando as veciñas e os veciños”, engade.
No encontro coa representación veciñal, o BNG reiterou o seu compromiso a favor dunha ordenación urbanística da fronte litoral entre a praia de Oza e a Ponte Pasaxe que respecte os seus valores patrimoniais, ambientais e paisaxísticos, “preservando o núcleo histórico das Xubias e fuxindo de calquera tentación especulativa”.
“Unha ordenación que debe ter como única determinación legal a modificación puntual do PXOM”, salienta Jorquera, xusto na dirección que marca a moción do BNG aprobada no Pleno do pasado 12 de setembro.
Nesa sesión plenaria, a Corporación instou o Goberno Local a suspender o convenio con Gingko, a completar a modificación puntual (que rebaixa substancialmente a edificabilidade e que, paralizada, aínda non foi levada a Pleno para a súa aprobación inicial), ben como tamén o emprazou a manter informada a veciñanza, facer público o acordo conciliatorio coa anterior propiedade dos Estaleiros Valiña e garantir a continuidade da liña ferroviaria que percorre As Xubias, imprescindíbel para o futuro servizo de proximidade da Coruña.
Na visita, Jorquera e Veira comprobaron de primeira man o estado de abandono en que se acha o núcleo mariñeiro, caracterizado pola falta de limpeza, de conservación, de mantemento. “Este é un dato moi importante. Alén de anunciar grandes proxectos, o Goberno Local non pode desatender as súas obrigas do día a día e converter As Xubias nun lugar esquecido e marxinado”, di o portavoz do BNG. “Comprometémonos coa veciñanza a levar as súas demandas e necesidades ao Pleno”, conclúe.