Emotivo tributo a Pedro Galán Calvete, o mozo de 19 anos que nos deixou un fermoso legado de amor a Galiza
No acto, que comezou cunha ofrenda floral, tomou a palabra o historiador e profesor da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel, quen fixo un percorrido pola breve biografía de Galán Calvete e polas circunstancias históricas que marcaron a súa vida, desde a súa infancia como alumno da Escola de Ensino Galego promovida polas Irmandades da Fala, até a súa apaixonada adolescencia como activista político -secretario de Organización das Mocidades Galeguistas- e social -foi un dos fundadores do Club do Mar de Santo Amaro.
“Foi detido o 10 de setembro de 1936 e, 6 días despois, apareceu o seu cadáver”, relatou Narciso de Gabriel, quen, para debuxar un retrato do mozo galeguista, aludiu ao traballo de investigación feito por Xosé Manuel Carril -ex portavoz do BNG no Concello e profesor de dereito da UDC, a quen lle debemos en boa parte a recuperación da figura de Galán Calvete.
“Carril destaca tres trazos especiais na personalidade deste mozo ao que hoxe lembramos: a madurez, o compromiso con Galiza e a inocencia. Porque Pedro foi ante todo unha persoa sinxela e limpa de corazón, unha persoa que coidaba que a divulgación e a posta en práctica dos seus ideais non facía dano a ninguén. De aí que non fuxira no verán do 36, aínda que tivera oportunidade de facelo”, remarcou.
Ao acto asistiu unha representación da familia de Galán Calvete e quen lle puxo o ramo, interpretando as notas do himno galego, foi a gaiteira Erea Estévez Campos.