DEREITOS LABORAIS
A vulneración de dereitos laborais é unha constante da empresa que xestiona as instalacións deportivas municipais
Reunímonos coa representación das traballadoras e traballadores das instalacións deportivas municipais e recollimos as súas demandas
Entre outras iniciativas, presentaremos unha pregunta para a súa resposta oral no vindeiro Pleno ordinario de abril, e exiximos do Goberno municipal unha implicación decidida e acorde á súa “rebeldía” para garantir as condicións laborais das persoas que fan a prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais
Queremos que no Pleno se escoiten as demandas do persoal das instalacións deportivas municipais. Nós xa temos trasladado neste mandato as súas queixas a respecto de como a empresa vulnera reiteradamente os seus dereitos laborais, e é curioso que, a maiores da pasividade do Executivo, agora, de súpeto, se sume o Partido Popular a estas reivindicacións cando no pasado ten demostrado a súa indiferenza, cando non desprezo, pola defensa dos dereitos laborais de traballadoras de servizos externalizados. Por iso parécenos moi oportuno abrir o debate no Pleno e que todos os grupos tomen posición a favor da defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores, de condena ás practicas da empresa e que se tomen as medidas necesarias para con esta, sobre todo cando estamos a falar da prestación de servizos municipais
Vimos de nos reunir esta mañá cunha representación das traballadoras e de traballadores das instalacións deportivas municipais na que estes nos deron traslado das súas reivindicacións que nestes días veñen de aparecer en distintos medios de comunicación a respecto das condicións laborais que veñen sufrindo e da vulneración dos seus dereitos laborais por parte da empresa concesionaria Ferrovial.
Deste xeito, a representación das traballadoras e dos traballadores deunos conta das malas prácticas laborais da empresa, a precarización constante á que se ven sometidos os traballadores con máis antigüidade e dos continuos incumprimentos en materia de dereitos fundamentais e laborais das persoas contratadas, malia as denuncias na Inspección de Traballo e os xuízos que xa teñen gañado por vulneración deses dereitos, así coma tamén de incumprimentos nos pregos de contratación polos que se rexeu a licitación da concesión.
Tamén, a representación da xunta de persoal comunicounos as reiteradas solicitudes achegadas ao Goberno Local da Marea Atlántica nas que lle solicitaba amparo e a súa implicación e mediación mais só obtiveron como única resposta evasivas e “pasotismo” deixando ás traballadoras e traballadores totalmente descubertas ante a empresa que segue a reproducir as prácticas que xa foran denunciadas antes do pasado verán.
Neste sentido, lembramos que xa demos traslado de varias iniciativas en xullo de 2017 nas que precisamente denunciabamos a situación para cun servizo que se está prestando fóra de contrato desde hai máis dun ano e medio e exixiamos, a aquela altura, que o Goberno municipal que, toda vez que tiña coñecemento da vulneración de dereitos e de incumprimentos nas condicións laborais debería lle exixir responsabilidades á empresa.
A situación non mudou desde aquel momento. Ao contrario: segundo a propia representación empeorou, nunha clara estratexia de precarización, con cambios de horario ou quendas indiscriminadamente e mesmo con servizos en instalacións coa totalidade do persoal en situación eventual. Adiantamos xa que realizaremos, canto menos; unha pregunta para a súa resposta oral, e varias preguntas para a súa resposta por escrito, no vindeiro Pleno ordinario de abril, exixindo do Goberno municipal unha implicación decidida e acorde á súa “rebeldía” e co obxecto de garantir as condicións laborais dignas para as persoas que fan a prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais.
Asemade, incidimos en sinalar que as traballadoras e traballadores non demandan máis que o que se lle debe de exixir a calquera Goberno Municipal, sobre todo cando este se gaba de alternativo, progresista ou rebelde: que defenda os dereitos fundamentais das persoas que traballan nun servizo público, por moito que estea xestionado por unha empresa, fronte aos abusos desta e que se garanta un servizo de calidade.
Mais tamén queremos facer unha reflexión a respecto do oportunismo doutras organizacións que de repente recolleron a bandeira da defensa das condicións laborais cando mesmo se teñen posicionado en contra doutras iniciativas ou propostas que incidían precisamente niso: na denuncia de determinadas condicións laborais e a vulneración de dereitos.
Queremos que no Pleno se escoiten as demandas do persoal das instalacións deportivas municipais. Nós xa temos trasladado neste mandato as súas queixas a respecto de como a empresa vulnera reiteradamente os seus dereitos laborais, e é curioso que, a maiores da pasividade do Executivo, agora, de súpeto, se sume o Partido Popular a estas reivindicacións cando no pasado ten demostrado a súa indiferenza, cando non desprezo, pola defensa dos dereitos laborais de traballadoras de servizos externalizados. Por iso parécenos moi oportuno abrir o debate no Pleno e que todos os grupos tomen posición a favor da defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores, de condena ás practicas da empresa e que se tomen as medidas necesarias para con esta, sobre todo cando estamos a falar da prestación de servizos municipais.
A Coruña, 13 de marzo de 2018.
Noticias relacionadas: