"COMO TEN DITO JORQUERA, ESTARÍA BEN QUE A CIDADE LLE DESE UNHA OPORTUNIDADE AO BNG"
Volve "Un café con..." á nosa canle de Youtube, desta volta cunha conversa con Avia Veira
“A Coruña ten un enorme potencial, mais este Goberno Local é incapaz de lle dar o impulso que a cidade necesita”, afirma a concelleira nacionalista nesta conversa. “É un Goberno Local centrado en grandes titulares, en grandes eventos”, pero que logo falla “na política máis elemental da cidade”, naquelas cuestións que fan que un concello funcione ou non funcione, nomeadamente no que ten a ver coas competencias propias, desde a mobilidade até a xestión e tratamento dos residuos.
A percepción de que A Coruña necesita un impulso non é que a teña o BNG, “é que así nola transmite moita xente”, remarca Veira. “Non hai proxecto nin cultural, nin urbanístico, nin de mobilidade nin de vivenda”, engade.
Mais hai alternativa, hai unha forza claramente á alza na cidade e con vocación de a partir das xa inminentes eleccións municipais de 28 de maio liderar o Goberno Local.
“Jorquera dicía nunha entrevista”, refire Veira, “que a cidade lle debería dar unha oportunidade ao BNG. E eu comparto absolutamente iso”. E é que, reflexiona a concelleira, A Coruña leva moito tempo arrastrando os mesmos problemas. “Con gobernos do PP, do PSOE, estivo a Marea Atlántica. Pero o BNG aínda nunca liderou o goberno da nosa cidade...”
O BNG, enfatiza, ten moi claros “cales son os problemas da Coruña, mais tamén cales son as solucións”. “Hai exemplos no resto do país de gobernos liderados polo BNG que cren nas potencialidades das súas vilas e das súas cidades. Nós cremos nas potencialidades da cidade. Cremos que a cidade merece un futuro mellor e que o BNG pode darlle ese futuro moito mellor”, salienta.
Na conversa, Veira vai debullando distintos aspectos da xestión do Goberno Local, a ofrecer tamén as propostas alternativas do BNG.
MOBILIDADE
“En materia de mobilidade, está todo por facer. A cidade é un lenzo en branco no ámbito da mobilidade. Cremos fundamental limitar o transporte privado ao funcionamento necesario da cidade: transporte de mercadorías, vehículos de emerxencias ou para cuestións importantes de ámbito individual como o coidado de maiores. Ese tipo de transporte privado pode existir, mais o que hai que priorizar é o transporte público e peonil. Velaí está o modelo Pontevedra”.
URBANISMO. VIVENDA. A CORUÑA PARA AS PERSOAS
“Hai que deixar atrás a etapa do cemento, de deseñar a cidade para construír, construír e construír, e pasar a deseñar A Coruña para as persoas. A Coruña ten que camiñar cara ter máis zonas libres de tráfico e de edificación”.
“Hoxe temos un gravísimo problema, ligado ao urbanismo, de vivenda. O Concello ten que intervir na vivenda na medida do posíbel, porque tampouco é unha competencia propia, pero si pode impulsar promocións de vivendas en aluguer, fomentar áreas de rehabilitación urbana, regular a calidade da vivenda que se ofrece”.
A CORUÑA CIDADE CREATIVA
“Hai unha falta absoluta de programación, planificación e innovación no ámbito da cultura. Estase a desaproveitar toda unha cidade creativa. Nós temos ese proxecto que queremos impulsar, o da Coruña Cidade Creativa. Necesitamos un goberno que crea na cultura. Un goberno que non ten unha concellaría de Cultura non cre na cultura”
POLÍTICA SOCIAL
“Estamos enganchando distintas crises, coa COVID e agora coa escalada dos prezos e ante iso o Goberno local está a actuar de maneira rutineira. Un goberno liderado polo BNG elaboraría un Plan de Inclusión Social que nos dese unha diagnose real, unha radiografía de como é a situación social da cidade para coordinarmos toda a infraestrutura de que dispomos, desde a Fundación Emalcsa até os equipos de atención social pasando polos centros de atención ás mulleres”.
A EXPERIENCIA PERSOAL NO CONCELLO
De 2015 a 2019 foron anos moi duros. Estar soa no Concello foi complicado. Pero estes últimos anos con Francisco Jorquera foron de maior tranquilidade. Non é o mesmo levar todo cunha cabeza que con dúas. E ademais con toda a experiencia que ten Paco, que pode achegar moito á cidade. Eu creo que, ademais, o que temos por diante xa non será fiscalizar o Goberno, senón lideralo, e iso tamén é moi ilusionante.