NOS ÚLTIMOS 2 ANOS O GOBERNO AUTONÓMICO AUMENTOU 40% OS PREZOS PARA A ADQUISICIÓN EN PROPIEDADE

As vivendas que a Xunta vai construír en parcelas cedidas polo Concello deben ser para aluguer

Avia Veira Fío Directo co BNG sobre vivenda. 12 de decembro de 2024.
Avia Veira, durante un Fío Directo co BNG
A concelleira do BNG Avia Veira vén de rexistrar un feixe de preguntas por escrito en relación a acordos adoptados  pola Xunta de Goberno Local o pasado 7 de febreiro en materia de vivenda.
As vivendas que a Xunta vai construír en parcelas cedidas polo Concello deben ser para aluguer

En concreto, a Xunta de Goberno Local acordou a cesión de 4 parcelas ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para que se constrúa vivenda de protección autonómica.

Mais o problema, repara Avia Veira, é que o Goberno Local non recolle en ningunha parte que esas vivendas teñan de ser en réxime de aluguer.

“Nós, desde o BNG, pensamos que é imprescindíbel que as vivendas se oferten en aluguer porque a Xunta de Galiza do PP nos últimos dous anos subiu o prezo de compra das vivendas de protección autonómica nun 40%, o que deixa fóra moitas familias, e precisamente as familias con máis necesidades”, afirma.

Nesa mesma sesión, a Xunta de Goberno Local tamén acordou sacar a concurso varias parcelas municipais en Xuxán para construción de moradas e a súa explotación en réxime de aluguer, unha delas para vivendas de protección autonómica e outras dúas para aluguer con renda limitada.

Esa renda limitada vén marcada “a través dun sistema estatal, determinado polos prezos que establece o propio mercado”. “A fórmula debería ser distinta. Debería ser o Concello quen establecese os prezos dese aluguer”, alega.

Nas súas preguntas, Veira quere saber por que nos pregos “non se recolle como se vai acceder a estas vivendas” nin “que persoas van poder solicitalas” nin “tampouco como vai ser o propio concurso”.

Canto ao proxecto construtivo, o BNG pensa que o Goberno Local tería de ter sido máis esixente, “e recoller por exemplo que dentro dos edificios haxa espazo para as bibliotecas ou prever que nos seus baixos haxa comercio local, imprescindíbel nun barrio de nova creación como Xuxán”.

 

As vivendas que a Xunta vai construír en parcelas cedidas polo Concello deben ser para aluguer