A visita "vista e non vista" do edil de Urbanismo a Palavea chega tarde
A Coruña, 19 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG alégrase de que por fin o concelleiro de Urbanismo vaia por Palavea, aínda que sexa tarde, logo de lle ter exixido a veciñanza e as nacionalistas, a través de diversas iniciativas, algunhas das cales aínda non foron contestadas, accións inmediatas e eficaces para a resolución de diversos problemas.
Mais o Grupo municipal do BNG lamenta que só aproveitase a visita para se facer unha foto a carón do transformador, sen se preocupar de falar coa veciñanza e de resolver as outras necesidades que está a padecer o barrio e que así lle demandan as persoas que nel habitan. Segundo lle comunicaron as veciñas e veciños do lugar ao BNG, o sr. Fernández Prado nada máis facerse a foto ao pé do transformador, foise directo ao bar do centro cívico, sen reparar para nada nas necesidades existentes no barrio. A veciñanza de Palavea púxose en contacto co BNG para amosar o seu malestar porque o concelleiro non tiña tempo para falar con eles mais si para tomar un café (achéganse fotos enviadas polos propios veciños). Deste modo, a veciñanza vai saber do proxecto de urbanización de Palavea só pola prensa, sen que se tivese en conta previamente a súa opinión ao respeto.
O barrio de Palavea padece un estado de deterioro, abandono e incomunicación con rúas sen asfaltar, casas abandonadas , coa presenza, incluso, de ratas de grande tamaño polas rúas, razóns pola que as nacionalistas se presentaron no barrio en varias ocasións nestes últimos meses e formularon unha serie de iniciativas que aínda non foron contestadas (anexo 1). Neste contexto de esquecemento do barrio, produciuse nun dos transformadores eléctricos situados no lugar a aparición de fendas ademais de caer parte da cornixa, o cal tamén foi obxecto de iniciativa polo BNG (anexo 2).
O Grupo do BNG espera que o Goberno local, ademais de explicarlle á veciñanza o que ten pensado facer, adopte accións inmediatas e eficaces para a resolución dos problemas do barrio a causa do abandono que vive e sempre de acordo coa veciñanza.
Concretamente, entre as peticións das veciñas, seguen figurando:
-pavimentación de Palavea vella
-mellora dos accesos ao barrio
-construción de pasarela que conecte Palavea con Santa Xema
-colocación máis papeleiras no barrio
-necesidade de educadoras/es de rúa para traballar coa mocidade
-recuperación da oficina de correos no barrio
-dotación no centro cívico dun rexistro auxiliar
-estabelecemento de barreiras sonoras que arreden aos predios e ás casas das vías que arrodean o barrio
-reforzamento das liñas intermetropolitanas de buses
-recuperar a casa do Curro para usos veciñais
-saneamento do río Quintás
-recuperación e mantemento do patrimonio do lugar: a fonte, o pombal e o lavadoiro
-recuperación dos camiños e potenciación das sendas
-ordenar o tráfico en Palavea Vella