Unha viaxe desde a estación de San Cristovo até a do Burgo en demanda dun tren de proximidade para a cidade e a comarca
“Se ollamos para o mapa dos servizos de cercanías de Renfe comprobaremos que Galiza non existe. Somos un dos poucos territorios que carecen dese servizo”, denunciou Néstor Rego durante a súa intervención nun acto que tivo como escenario a plataforma da estación e ao que, entre o numeroso público, asistiu o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera.
“A implantación das cercanías é imprescindíbel para modernizar a mobilidade no país e para resolver problemas que atinxen nomeadamente as áreas metropolitanas”, remarcou Rego. “No caso da Coruña, sería a solución perfecta para que as imaxes dos recorrentes atascos nos accesos á cidade pasen á historia", enfatizou.
Que Galiza careza de cercanías é claramente unha discriminación que sofre o noso país. “Hai cidades e áreas urbanas, como a de Santander, que si teñen cercanías. A rexión que conforman A Coruña e Ferrol, cunha poboación de 650 mil persoas, non a teñen. Esa discriminación é intolerábel”, di Rego.
A marxinación de Galiza tradúcese en que o Estado orce 1.600 millóns de euros para modernizar o tren de proximidade e dese diñeiro "para o noso país non veña nin un só euro, porque antes de modernizar algo obviamente hai que crear ese algo”.
Rego avanza que a formación nacionalista vai continuar a traballar para o Estado “atender a nosa reclamación”. “É de xustiza termos un tren á altura das necesidades da poboación e á altura das esixencias do século XXI”, concluíu.