A venda de Epamar por parte da SAREB a unha inmobiliaria privada mostra o escaso peso político da alcaldesa ante Madrid

Palavea
Palavea
De acordo cunha información xornalística, a SAREB, o coñecido como banco malo, decidiu vender a súa promoción de Palavea -a antiga promoción de Epamar- a unha inmobiliaria privada. 
A venda de Epamar por parte da SAREB a unha inmobiliaria privada mostra o escaso peso político da alcaldesa ante Madrid

Deste xeito, poría fin á negociación que mantiña coa Concellaría de Urbanismo para a eventual cesión desas vivendas ao Concello para este as incorporar ao Parque Municipal de Vivendas.

Mais acontece que a Sareb é unha entidade controlada polo Estado, que ten unha participación dominante no seu accionariado de arredor do 45%, e esta decisión, a de vender a unha empresa privada e non ceder as vivendas ao Concello, é unha nova mostra do "escaso peso político da alcaldesa ante o Goberno estatal", avalía o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.

"Non só o vemos neste asunto, vémolo tamén na non condonación da débeda do porto -en contraste co feito con València- ou na non cesión do antigo cárcere provincial ou dos terreos do Observatorio para o futuro Parque da Agra", engade o voceiro nacionalista.

Deste xeito, a alcaldesa non foi quen de facer valer en Madrid o pronunciamento do Pleno do Concello cando, por dúas veces, aprobou mocións do BNG (xullo de 2020, maio de 2021) para negociar coa SAREB a cesión das súas propiedades inmobiliarias na cidade á Administración local e, dese xeito, aumentar a oferta do Parque Municipal de Vivenda.

A alcaldesa non foi quen de facer valer en Madrid o pronunciamento do Pleno do Concello cando, por dúas veces, aprobou mocións do BNG (xullo de 2020, maio de 2021)

As iniciativas aprobadas polo Pleno mandataban o Goberno Local a que negociase coa SAREB por un lado a cesión ao Concello das vivendas dos bloques de EPAMAR, en Palavea, para a súa incorporación ao parque municipal e a súa transformación en vivendas sociais. Igualmente, demandaban do Executivo coruñés que xestionase perante a SAREB a cesión de inmóbeis de que esta entidade é titular na Coruña, para estes engrosaren a oferta de vivendas públicas en réxime de aluguer.

Á marxe das vivendas de Epamar, SAREB é titular de por volta de 26 inmóbeis na Coruña. No conxunto da Galiza, o banco malo ten cedido apenas 50 inmóbeis á Xunta e 12 ao Concello de Miño. É dono doutros 400 inmóbeis e a súa intención é facer caixa con eles.

Realidade e propaganda

Estaríamos, pois, perante un fracaso da política de Vivenda do Concello. "A incapacidade para lograr a cesión de vivendas por parte dunha entidade controlada polo Estado non é precisamente unha boa noticia e contrasta coa autocompracencia coa que se nos vendeu o Plan Municipal de Vivenda vinculado aos orzamentos de 2022, cunha partida significativa para a adquisición de inmóbeis e soares. Mais unha vez, ponse de relevo que unha cousa é a realidade e outra a propaganda", conclúe Jorquera. 

A venda de Epamar por parte da SAREB a unha inmobiliaria privada mostra o escaso peso político da alcaldesa ante Madrid