Veira: "Xa é tempo de deixar os laios, comezar a tomar decisións e transformar a cidade"

Veira: "Xa é tempo de deixar os laios, comezar a tomar decisións e transformar a cidade"

Entendemos que, coa aprobación definitiva dos orzamentos, xa non cómpren mais laios e que xa é hora de que o Goberno municipal comece a tomar decisións. Deste xeito, consideramos que cos orzamentos aprobados xa é tempo de se comece a realizar as actuacións necesarias para efectivizar o cambio de políticas prometido polo Goberno municipal e que, polo tanto, xa non se pode seguir empregando o discurso do secuestro da actuacións por non contar cunhas contas propias.

Avia Veira: “Xa non proceden máis laios: a cidade xa ten orzamentos e xa é tempo de que o Goberno municipal comece a tomar decisións”

Momentos previos ao Pleno desta mañá onde se aprobaron os orzamentos

E é que destacamos que, coa aprobación do novo orzamento, poderán comezar a realizarse todas aquelas actuacións que ate o de agora non se podían executar por non contar con partidas económicas propias asignadas, poderán, xa, efectivizarse os convenios coas entidades sociais da cidade, necesarios para que o tecido asociativo leve adiante o seu traballo, e corríxense, en parte, as inxustizas cometidas no anterior mandato municipal, e poñemos como exemplo a recuperación do convenio polo cal se restitúen as axudas á Biblioteca Veciñal de Monte Alto. Neste sentido, é positivo que se recolleran parte das nosas achegas, como a recuperación de investimentos en cultura, en obras de reparación e mantemento en CEIP e en mercados municipais.

Mais tamén amosámonos moi críticos porque o documento final elimina parte das achegas que, nun primeiro momento, foran tido en conta, asemade, de que en ningún momento se atenderon as nosas demandas a respecto da concreción para as actuacións nos barrios.

“As nosas alegacións ían encamiñadas a recuperar partidas que para o noso xuízo eran necesarias, como destinar até 245.100 euros co obxecto de aumentar a aplicación destinada ao Plan de Dinamización Comercial, coa seguinte finalidade específica de Creación e desenvolvemento dun Banco de Locais Comerciais, ou a solicitude de recuperación de 20.000 euros para a aplicación denominada Bolsa Programa Descubrir a Participación, e, ademais, especificaban actuacións moi concretas en todos os barrios da cidade, máis de 90, lembramos. En todo momento o Goberno municipal argumentou que as actuacións nos barrios estaban incluídas e que non facía falla especificalas polo miúdo.  Agora, cun orzamento aprobado faremos cumprido seguimento das actuacións que se fagan, se que realmente se fan” indica Avia Veira.

Advertimos que estes orzamentos deben ser os últimos que se realizan deste xeito e exixe que o Goberno municipal comece a elaborar un plano de traballo para realizar uns verdadeiros orzamentos participativos para o 2017 e se convoque, para efectivizalo, a Comisión de Reforma do ROPC

Avia Veira xusto no comezo do Pleno

Así mesmo advirtimos que estes orzamentos deben ser os últimos que se realizan deste xeito e esiximos que o Goberno municipal comece a elaborar un plano de traballo para realizar uns verdadeiros orzamentos participativos para o 2017 e se convoque, para efectivizalo, a Comisión de Reforma do ROM e o ROPC.

Lembramos que no programa co que se presentou a Marea especificábase como unha das súas “medidas estrela” a implementación duns verdadeiros orzamentos participativos xa que logo trátase de que todas e todos decidamos o destino, uso e control dos recursos públicos, trátase de que os orzamentos sexan un instrumento de transformación social.

“Todo o proceso de elaboración, reunións, aprobación inicial no Pleno de abril e aprobación no Pleno de hoxe, estivo na antípoda duns orzamentos participativos. Instamos e esiximos ao Goberno municipal a que comece de inmediato a artellar os mecanismos precisos para que os orzamentos de 2017 se realicen conforme a un proceso participativo reformando o Regulamento Orgánico de Participación Cidadᔠsinala a nosa concelleira Avia Veira.

Por último, sinalamos, como tamén fixemos na sesión plenaria, que sempre defendimos que o orzamento é unha ferrramenta necesaria para levar a cabo políticas novas mais hai outra ferramenta imprescindíbel que é a toma de decisións. É por isto que a Avia demandou no Pleno ao Goberno da Marea Atlántica que tomase decisións valentes e importantes para comezar a transformar cidade.

 

Noticias relacionadas:

A Coruña, 23 de maio de 2016

Veira: "Xa é tempo de deixar os laios, comezar a tomar decisións e transformar a cidade"