Veira pide que se aumenten as prazas de aparcadoiro para as autocaravanas e rematar así cos estacionamentos indebidos

Avia Veira Mobilidade Transporte Urbano
O número de prazas para estacionamento de autocaravanas na cidade é francamente exiguo: 7 no aparcadoiro da Torre de Hércules (só diúrno), 11 no do Aquarium Finisterrae (24 horas), 11 no do Paseo Marítimo e 20 no aparcadoiro e na área de servizos de San Pedro de Visma.
Veira pide que se aumenten as prazas de aparcadoiro para as autocaravanas e rematar así cos estacionamentos indebidos

A consecuencia é que “é frecuente ver como pasan a noite ou hai autocaravanas aparcadas en lugares fóra destes espazos reservados”, o que constitúe unha clara infracción á luz da actual ordenanza de circulación. “Habitualmente atopamos vehículos destas características estacionados en Durmideiras ou no aparcadoiro do parque Adolfo Suárez”.

Así o sinala a concelleira do BNG Avia Veira, quen con tal motivo rexistrou unha batería de preguntas por escrito.

Ante esta situación, a edil nacionalista insta o Goberno Local a que aumente as prazas para autocaravanas, quer estacionar quer para pernoctar e nese sentido Veira remarca que “o número de prazas pódese ver alterado polo Concello da Coruña, segundo dispoñibilidade ou oportunidade”.

Dos espazos habilitados só a área de servizos de San Pedro de Visma permite ás persoas usuarias das autocaravanas despregar elementos destes vehículos tales como toldos, xanelas, mesas ou cadeiras, sendo que os resto dos lugares son simplemente aparcadoiros onde apenas se pode estacionar.

Canto ao aparcadoiro do parque Adolfo Suárez, Veira salienta que aparece nas aplicacións das persoas usuarias de autocaravanas como un espazo propio para estes vehículos cando en realidade se ideara para lle dar servizo ao centro Padre Rubinos e ao campo de fútbol de Visma, restando prazas para estacionar a quen se achegue a eses equipamentos.

De resto, a concelleira quere saber cantas multas se lle teñen imposto ás persoas usuarias das autocaravanas que estacionasen fóra dos espazos reservados, en incumprimento do artigo 43.2 I da ordenanza de circulación do Concello.

 

 

Veira pide que se aumenten as prazas de aparcadoiro para as autocaravanas e rematar así cos estacionamentos indebidos