ENCONTRO DE NÉSTOR REGO CO COLECTIVO QUE NON PODE FAENAR PORQUE, APÓS A SEMENTEIRA, O MARISCO AÍNDA TEN MESES POR DIANTE PARA ALCANZAR A TALLA MÍNIMA
O BNG reclama as axudas aos mariscadores e que se semente toda a ameixa fina comprometida
“Esixiremos o estrito cumprimento do proxecto no que ten a ver coa sementeira das unidades de ameixa fina”, remarca Rego. De acordo cos datos achegados polo colectivo de mariscadores, apenas se sementou 1% da ameixa fina comprometida, “e estamos a falar da máis valorada e a que outorga un maior rendemento económico ás mariscadoras e mariscadores”, indica o deputado nacionalista.
Rego fixo estes anuncios após unha delegación do BNG manter un encontro co colectivo de mariscadores na sede da Confraría de Pescadores da Coruña, no porto de Oza. Na reunión estiveron presentes a deputada nacionalista Iria Taibo, e os portavoces do Bloque na Coruña e Culleredo, Francisco Jorquera e Tono Chouciño, ben como tamén os concelleiros Brais Cubeiro e Xabier Villarrenara, de Cambre e Culleredo, respectivamente.
O problema fundamental que se lles presenta a este colectivo de mariscadores é que non poden faenar e, porén, non reciben as axudas ás que terían perfecto dereito, tendo en conta que na propia Declaración da Impacto Ambiental da dragaxe se estimaba entre os 18 e os 24 meses o tempo preciso para, unha vez feita a sementeira, o marisco alcanzar a talla mínima para a súa comercialización.
“En resposta oral ao BNG, o propio secretario de Estado do Ministerio de Transición Ecolóxica, Hugo Morán, recoñecía que era absolutamente razoábel a concesión das axudas, mais o Estado non as concede co argumento de as competencias en materia marisqueira seren da Xunta”, afirma Rego.
En todo caso, salienta o portavoz nacionalista que non só están pendentes estas axudas por tamaño insuficiente do marisco, senón tamén as mensualidades de febreiro, marzo e abril correspondentes ao tempo en que se realizou a dragaxe.
Por tanto, o BNG reclama a concesión das axudas -a comezar por esas débedas- e tamén insta o Goberno central a que revise as deficiencias detectadas polo colectivo de mariscadores unha vez concluídas as obras.
O Estado recibiu xa as obras, mais os mariscadores teñen informes que sinalan que a dragaxe afectou negativamente a capacidade produtiva da Ría até o punto de, en concreto, reducir o 40% do potencial extractivo do banco marisqueiro do Carniceiro.
“Imos reclamar que se revise esa afectación. No seu momento nos congratulamos de que, grazas á presión social e á iniciativa política do BNG, se fixese a rexeneración da Ría, mais as obras teñen que facerse ben”, conclúe Rego, quen, após o encontro na Confraría, acompañou os mariscadores na interrupción do tránsito na Ponte Pasaxe.