INCUMPREN QUER A LEI GALEGA QUER A ORDENANZA DE MOBILIDADE RECENTEMENTE APROBADA

Veira insta o Goberno Local a que sancione os VTC que fan viaxes con saída e destino na cidade

Avia Veira Fío Directo Vivenda, 12 de decembro de 2024.
Avia Veira, durante un acto público
A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha moción, para o seu debate no vindeiro Pleno do xoves 6 de  novembro, en relación á pasividade do Goberno local fronte á actuación  ilegal dos VTC (vehículos de transporte con condutor) na Coruña.
Veira insta o Goberno Local a que sancione os VTC que fan viaxes con saída e destino na cidade

A concelleira do BNG Avia Veira acaba de rexistrar unha moción, para o seu debate no vindeiro Pleno do xoves 6 de  novembro, en relación á pasividade do Goberno local fronte á actuación  ilegal dos VTC (vehículos de transporte con condutor) na Coruña.

Ilegal porque os VTC -e iso é facilmente comprobábel se descargarmos calquera aplicación das multinacionais que as xestionan- están a operar na nosa cidade facendo servizos urbanos -con saída e destino no termo municipal coruñés-, cando a lei galega sinala con clareza que só están habilitados para traxectos inter-urbanos (ou sexa, entre concellos).

É por iso que Veira lle pide ao Goberno Local que faga cumprir a lei galega 4/2013, de 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galiza e a Ordenanza de Mobilidade do Concello recentemente aprobada e que, por tanto, sancione os VTC que fan viaxes urbanas.

Na Ordenanza de Mobilidade, negociada polo BNG co Goberno Local, establécese con clareza que a eventual regulación dos VTC se fará nunha ordenanza específica e que, por tanto, en tanto esta non se aprobar, en ningún caso eses vehículos estarían habilitados para operar na cidade en viaxes urbanas.

O BNG quer tamén que o Goberno Local forme a Policía Local sobre o réxime sancionador que procede aplicarlle aos VTC que realizan estes desprazamentos urbanos ilegais e que, á vez, estude as necesidades do servizo do taxi que poida haber na Coruña, de modo que, se for necesario, se amplíe o número de licenzas.

Para Veira, é evidente que os VTC constitúen unha “competencia desleal” para o taxi e na exposición de motivos desta moción detalla un feixe de elementos comparativos que así o demostran, entre eles o feito de que os VTC non teñen a obriga de pasaren ningunha inspección municipal, e os taxis si ou que os VTC dependen na súa grande maioría de multinacionais que non dan conta da súa actividade ao Concello, en tanto que os traballadores do taxi son autónomos “que teñen a obriga de lle pagar ao noso municipio as taxas pola inspección, polos exames e os impostos pola transmisión das licenzas”.

Alén diso, remarca Veira que os VTC marcan os prezos en función do momento, isto é, que tiran as tarifas nos de baixa demanda e elévanos moi por riba do que custaría un taxi cando hai moita xente na procura de servizo. “Pola contra, os prezos dos taxis están regulados polo Concello”, argúe a concelleira nacionalista.

“Se esta comparativa xa manifesta unha profunda inxustiza, inxustísimo é que os VTC estean funcionando na cidade facendo viaxes urbanas e que o Goberno Local non estea a facer absolutamente nada para que se cumpra a legalidade e a ordenanza vixente”, conclúe Veira.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Veira insta o Goberno Local a que sancione os VTC que fan viaxes con saída e destino na cidade