CONFERENCIA DE PRENSA DE AVIA VEIRA
O BNG debulla as súas achegas á Ordenanza das Terrazas e cre fundamental a vixilancia na súa aplicación
Veira detallou as seguintes como as “achegas clave” do BNG: garantir a accesibilidade universal como principio fundamental da ordenanza, asegurar a proporcionalidade no uso do espazo público e a seguridade (acceso de servizos de emerxencia en rúas peonís), ben como tamén a transparencia (que se saiba cal é a terraza autorizada) e a moderación dos horarios extraordinarios (con especial destaque para as zonas acusticamente saturadas). “Os criterios teñen que ser claros e obxectivos. Non pode haber un exceso de excepcións”, destacou.
É certo, salientou, que a cidade xa dispuña dunha ordenanza, mais era demasiado flexíbel e contemplaba un réxime de excepcións laxo en extremo. Tampouco se vixiaba como é debido. Iso explica que a demanda social dunha nova normativa fose claramente en aumento. “A xente quería que se puxese orde e racionalidade no uso do espazo público e por iso defendemos no seu día que se incorporase este asunto ao Acordo de Investidura”, referiu Veira.
A concelleira nacionalista explicitou o “respecto absoluto” que ao BNG lle merece a hostalaría e o seu dereito a desenvolver a súa actividade económica, mais tamén puxo en destaque “a obriga dos gobernos e das institucións” a, desde a regulación, preservar o dereito da veciñanza ao desfrute do espazo público, tamén ao descanso, dixo en referencia aos horarios.
Veira anunciou que o BNG vai estar moi alerta “sobre o que pase de aquí á aprobación inicial” da Ordenanza por parte do Pleno. “Tamén estaremos atentos ao período de alegacións”, completou. “E desde logo será absolutamente fundamental a vixilancia na aplicación da ordenanza unha vez que se consume a súa aprobación definitiva”, concluíu.