A INFRAESTRUTURA DEBE SER SUFRAGADA INTEGRAMENTE POLO ESTADO
A "tomadura de pelo" do Adif sobre o financiamento da conexión ferroviaria co porto exterior
Se o porto exterior é unha infraestrutura estatal e tamén o é a rede ferroviaria, non ten ningún sentido que a presidenta do Adif, Isabel Pardo de Vera, deixe entrever agora que aínda non está resolto o financiamento da conexión ferroviaria con esa dársena.
"O porto exterior é de competencia estatal. Tamén o son os camiños de ferro. Por tanto, non sei a que veñén esas dúbidas. Desde o BNG temos clarísimo que a conexión ferroviaria con Punta Langosteira tense que facer a cargo dos orzamentos xerais do Estado", afirmou o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, durante unha tertulia en Intercoruna.
"O porto exterior xa leva anos en funcionamento. O traslado de Repsol está máis que previsto. Non entendo que se deslicen agora dúbidas sobre como se debe financiar o acceso ferroviario", dixo Jorquera. "Sen conexión cos camiños de ferro, o porto exterior sería como unha estación de autobuses desligada da rede de estradas", engadiu.
Jorquera ironizou tamén sobre o "ritmo frenético" que, segundo Pardo de Vera, estarían tendo as obras do AVE a Galiza. "Levamos 10 anos de retraso sobre o ano 2010, a data marcada no seu momento polo Goberno Aznar para a chegada da alta velocidade ao noso país. Hai xa logo 3 décadas que chegou o AVE a Sevilla. Se este é un ritmo frenético, como sería un ritmo lento?".