O Sr. Negreira non contesta á pregunta oral formulada polo BNG en pleno sobre o caso "Pokemon"

O Sr. Negreira non contesta á pregunta oral formulada polo BNG en pleno sobre o caso "Pokemon"

Carril 1A Coruña, 14 de xaneiro de 2014.- Na sesión plenaria desta mañá, o Sr. Negreira rexeitou contestar en persoa a pregunta oral formulada polo Grupo Municipal do BNG sobre o caso Pokemon. O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, preguntoulle ao alcalde “que ten pensado facer coas persoas imputadas do Concello da Coruña na trama da operación Pokemon, coñecida por Pikachu”. En lugar de falar o alcalde, interveu o portavoz do Goberno municipal, un dos imputados da trama, quen se limitou a poñer de manifesto a colaboración coa xustiza, que é un deber de inescusábel cumprimento.

A continuación, achegamos a intervención de Carril completa:

Sr. Negreira, que ten pensado facer coas persoas imputadas do Concello

da Coruña no caso Pokemon?

"Esta intervención é a máis difícil das que levo feito aquí durante todo este

tempo. E non a fago como adversario político que busca réditos electorais

aproveitando a delicada situación do Concello da Coruña e das persoas

imputadas, senón como compañeiro delas e de todas as persoas desta

corporación que participamos no exercicio da política como servizo público

á cidadanía. De aí esta pregunta, que só persegue que vostede, como

Alcalde, teña a oportunidade de explicar aquí que ten pensado facer coas

persoas implicadas no caso Pokemon.

Acreditamos e defendemos a presunción de inocencia das persoas

imputadas. A presunción de inocencia está por riba de todo, aínda que,

cando un xuíz impute, non o faga gratuitamente, senón porque ten visto

indicios racionais de delito. E neste caso concreto, indicios de delito contra

a Administración Pública. Se a causa da imputación fose outra distinta e

fose promovida, ademais, por adversarios políticos e con fins electorais,

pode ter claro Sr. Alcalde que o BNG non faría esta pregunta.

A política non é unha profesión. É unha vocación de servizo público, que

se debe exercer conforme aos principios da ética pública, da confianza e da

responsabilidade ante a cidadanía. Pola súa propia natureza, os cargos

políticos con responsabilidades de goberno non son cargos normais, xa que

exercen Poder en todas as súas variantes, mais cunha gran asimetría de

información. De aí precisamente que a ética, a confianza da cidadanía e a

responsabilidade rexan a actuación da política como servizo público. De aí

tamén que, cando os cargos políticos son imputados pola súa función

pública, naza unha sospeita que afecta á confianza da cidadanía sobre as

institucións públicas, que só cesa coa depuración de responsabilidades

políticas, a través das dimisións e ceses dos cargos políticos e de confianza.

Por iso, compre non confundir responsabilidade política con

responsabilidade penal, porque non son o mesmo. A presunción de

inocencia penal é unha garantía individual do imputado nunha causa penal

para a súa protección durante o procedemento xudicial de esixencia de

responsabilidades penais. E a responsabilidade política ten como fin a

protección de intereses colectivos e públicos (non individuais), tales como

a ética pública, a confianza e a responsabilidade que deben operar no

exercicio da política, e que quebran cando os responsábeis políticos

imputados seguen no cargo mentres as súas condutas non sexan

condenadas por delito. Son cousas diferentes e non se pode facer depender

unha da outra, porque provoca a perversión da presunción de inocencia e da

responsabilidade política. Un comportamento pode non ser delitivo (e

ogallá que aquí non o sexa), pero si incompatíbel cos principios éticos do

bo goberno. Sexa cal sexa o resultado penal, o dano sobre aqueles intereses

colectivos estaría feito por manterse no cargo e se pagaría coa

desconfianza, co afastamento e co desapego da cidadanía, mais tamén co

descrédito do Público e das Institucións democráticas, sementándose con

isto o caldo de cultivo para a xestión por tecnócratas autoritarios (ou

fascismo), que é o que está a pasar.

Por iso, pedimos as dimisións e ceses dos cargos políticos e de confianza

imputados, porque responsabilidade penal e responsabilidade política non

son o mesmo. Só pedimos, en definitiva, para os demais o que nos

aplicamos a nós mesmos como forza política. Porque é unha cuestión de

responsabilidade política e para a credibilidade e protección do Público e

do Ben Común.

 

O Sr. Negreira non contesta á pregunta oral formulada polo BNG en pleno sobre o caso "Pokemon"