CONTRATAS MUNICIPAIS
Solicitamos mediante unha moción o rexeitamento das prácticas laborais de Clece e non prorrogarlle contratos co Concello
Levamos este luns a Pleno a situación das traballadoras da empresa Clece SA que presta o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III)
Como resultado da reunión que mantivemos esta semana cunha representación do cadro de persoal desta empresa, solicitamos a través dunha moción que o Pleno amose o seu rexeitamento das prácticas laborais de Clece no desenvolvemento do contrato de xestión que ten na actualidade co Concello da Coruña
A nosa solicitude inclúe instar o Goberno local a que proceda a iniciar os trámites para propoñer a declaración de Clece SA como empresa en situación de prohibición para contratar co Sector Público e que non prorrogue a duración do contrato, que está próximo a rematar, e que saque a concurso de novo o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III) cuns pregos que garantan os dereitos laborais para as máis de 230 persoas que traballan nel
Vimos de presentar esta mañá unha moción pola que trasladamos ao Pleno deste vindeiro luns a situación das traballadoras e traballadores da empresa Clece SA que na actualidade presta o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III), como resultado da reunión que mantivemos esta semana cunha representación do cadro de persoal.
Deste xeito, queremos dar o debate sobre a situación de vulneración dos dereitos laborais que vén denunciando o seu cadro de persoal nos últimos meses, chegando a se manifestar en María Pita, ao tempo que esta empresa mantén diversos contratos coa administración pública, neste caso co propio Concello da Coruña.
A representación das traballadoras e traballadores manifestouse durante o mes pasado, os xoves, diante do pazo municipal para facer visíbel a súa situación e denunciar as constantes vulneracións dos seus dereitos laborais que sofren por parte da empresa. Xa no momento en que lle foi adxudicado o servizo comezou cos incumprimentos pois quixo asinar os contratos coas traballadoras do servizo en base ao convenio estatal no canto do convenio galego, que lles corresponde, ou incumpre constantemente os cuadrantes, recibindo as traballadoras e os traballadores chamadas fóra do recollido nestes. Tampouco se respectan dereitos adquiridos das traballadoras coas anteriores empresas e coas condicións coas que foron subrogadas en relación aos asuntos propios ou vacacións etc.
Asemade, outros incumprimentos reiterados da empresa, e que o cadro de persoal nos deu conta na reunión, son a denegación, hoxe en día, de todas as solicitudes de conciliacións ou o requirimento, varias veces á semana, da presenza das traballadoras na súa sede, desprazamento que Clece non contabiliza de ningunha das maneiras, nin dentro da xornada laboral nin fóra dela como horas extras
Así, non parece razoábel que o Concello da Coruña, como Administración pública que ten que supervisar e vixiar o cumprimento dos contratos, propoñer ao órgano de contratación as sancións e penalidades e resolver as incidencias nas execucións, continúe a permitir que unha empresa adxudicataria funcione sistematicamente vulnerando os dereitos máis fundamentais das súas traballadoras.
Como paradoxo, o pasado 24 de marzo, a Xunta de Goberno Local adxudicou a esta mesma empresa a xestión do SAD II desta volta nun contrato no que se recollen cláusulas sociais no prego de cláusulas administrativas. Unhas cláusulas que é moi probábel que non se cumpran xa que está máis que contrastado que a empresa non garante as condicións laborais das súas traballadoras precisamente no que ten a ver a respecto da conciliación e corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral das persoas adscritas á execución do contrato.
Por todo isto, solicitamos na moción que o Pleno amose o seu rexeitamento das prácticas laborais desta empresa no desenvolvemento do contrato de xestión que ten na actualidade co Concello da Coruña, e insistimos en solicitar o non prorrogar o contrato con Clece que está a piques de finalizar, así como incluír no novo o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III), tendo en conta de que se está a falar dun cadro de persoal composto por máis de 230 persoas, na súa maior parte mulleres e ás que se lles impide pola vía dos feitos conciliar a súa vida laboral, familiar e persoal, un pregos que garantan cláusulas administrativas particulares e técnicas, así como o seguimento escrupuloso das mesmas.
Ademais de formularmos que o Goberno local proceda a iniciar os trámites para propor a declaración de Clece SA como empresa en situación de prohibición para contratar co Sector Público e que non prorrogue a duración do contrato, que está próximo a rematar, queremos que saque a concurso de novo o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD III) cuns pregos que garantan os dereitos laborais para as máis de 230 mulleres que traballan nel.
A Coruña, 7 de abril de 2017
Noticias relacionadas: