MOBILIDADE

O servizo de transporte urbano na Coruña debe pasar pola súa xestión pública municipal

Unha das presentacións de buses novos diante do Pazo Municipal
Unha das presentacións de buses novos diante do Pazo Municipal

Criticamos á xornada “Xestión e deseño del Transporte Urbano e Metropolitano” organizada pola Aula Compañía de Tranvías da Universidade da Coruña, que non ten outro obxectivo que o de xustificar o servizo privado e a xestión empresarial do transporte colectivo, e cuestionamos a presenza de representantes municipais durante o evento

Por iso en decembro presentamos unha moción que instaba o Goberno municipal a realizar os estudos e informes necesarios para a xestión pública municipal do servizo de transporte colectivo de viaxeiros, atendendo ao perfil de persoa usuaria do autobús no canto de beneficiar “de oficio”, como se fixo, a Compañía de Tranvías

O servizo de transporte colectivo de viaxeiros na cidade só é beneficioso para a Compañía de Tranvías que desde 2010 leva gañado máis de 21 millóns de euros a conta dos nosos petos. Pero como todo o que pasa en mobilidade co Goberno da Marea, o concelleiro nin está nin se lle agarda, polo que se ao final de todo este proceso o servizo finalmente volve recaer na Compañía confirmaríase que o «modelo alternativo» nesta área do Executivo local non é outro que seguir ao servizo do Sr. Prada

O servizo de transporte urbano na Coruña debe pasar pola súa xestión pública municipal

Vimos de trasladar esta maña as nosas críticas á xornada “Xestión e deseño del Transporte Urbano e Metropolitano” organizado pola Aula Compañía de Tranvías da Universidade da Coruña, xa que logo consideramos que as conferencias programadas non teñen outro obxectivo que o de xustificar o servizo privado e a xestión empresarial do transporte colectivo.

Con estas charlas, que se desenvolven ao longo do día de hoxe, se persegue trasladar a idea dunha mellor xestión da mobilidade desde o ámbito privado, algo que consideramos totalmente falso, ademais de exportar unha visión allea á propia realidade da mobilidade para a cidade e a contorna, compartindo experiencias doutra área metropolitana, neste caso a de Madrid, cunhas problemáticas e necesidades completamente diferentes.

Entendemos, doutra volta, que se nos quere vender un modelo de xestión da mobilidade totalmente falso e que beneficia neste caso á mesma empresa que durante os últimos 33 anos estivo aproveitándose dun convenio leonino que mantivo secuestrado un servizo esencial. E neste sentido, a presenza de representantes do Goberno municipal ao longo da xornada parécenos desafortunada e indica até que punto o Goberno da Marea xa ten tomado partido.

Un dos autobuses da Compañía de Tranvías

Lembramos que xa teñen pasado máis de tres meses desde a caducidade do convenio asinado entre a Compañía de Tranvías e o Concello da Coruña o que deu lugar a que o Goberno municipal prorrogase a prestación do servizo á propia Compañía, atendendo así antes á necesidades da empresa na vez da necesidades da veciñanza da Coruña, e sen facer valer a extinción da concesión que non tivera suposto consecuencias xurídicas nin económicas para o Concello.

Xa nos amosamos moi críticos coa decisión da Xunta de Goberno pola que se concedeu á propia Compañía de Tranvías, por un período de dous anos, toda vez se tiña decidido aplicar o Regulamento CE 1370/2007 que dá lugar á extinción da concesión administrativa do Servizo de Transporte Colectivo de Viaxeiros, xa que logo consideramos, e como con calquera outra concesión, se podería seguir atendendo ao servizo, mentres non houbera un novo modelo de xestión ou se concedera a outra empresa, sen a necesidade desa prórroga bianual.

Por iso en decembro, a través dunha moción, instabamos o Goberno municipal a realizar os estudos e informes necesarios para a xestión pública municipal do servizo de transporte colectivo de viaxeiros, atendendo ao perfil de persoa usuaria do autobús no canto de beneficiar “de oficio”, como se fixo, a Compañía de Tranvías. E na nosa iniciativa faciamos unha serie de propostas que pasaban pola mellora das infraestruturas, paradas, marquesiñas, autobuses etc, mellora das rutas, frecuencias e horarios, ou para implementación de bonificacións que fixeran máis accesíbel economicamente e compensaran a utilización do transporte colectivo fronte ao privado”.

O servizo de transporte colectivo de viaxeiros na cidade só é beneficioso para a Compañía de Tranvías que desde 2010 leva gañado máis de 21 millóns de euros a conta dos nosos petos. Pero como todo o que pasa en mobilidade co Goberno da Marea, o concelleiro nin está nin se lle agarda, polo que se ao final de todo este proceso o servizo finalmente volve recaer na Compañía confirmaríase que o «modelo alternativo» nesta área do Executivo local non é outro que seguir ao servizo do Sr. Prada.

A Coruña, 15 de marzo de 2017.

 

Noticias relacionadas:

 

O servizo de transporte urbano na Coruña debe pasar pola súa xestión pública municipal