SERVIZO DE ATENCIÓN AO DOMICILIO

Outro servizo que se presta desde o Concello da Coruña que caducou: o SAD I

Edificio do Palacio Municipal de María Pita
Edificio do Palacio Municipal de María Pita

O Servizo de Atención a Domicilio lote 1 está prestándose sen contrato e sen acordo de continuidade

O SAD I, que está a ser prestado actualmente por Eulen, foi adxudicado en xuño de 2014 cunha vixencia de catro anos, dous anos e máis outros dous de prórroga, que xa se cumpriron este verán

Este é o enésimo caso en que o Goberno Local deixa rematar unha concesión poñendo o cadro de persoal e as propias usuarias nunha situación de total incerteza

Outro servizo que se presta desde o Concello da Coruña que caducou: o SAD I

Vimos de denunciar que o Servizo de Atención a Domicilio lote 1 está prestándose sen contrato e sen acordo de continuidade.

Así, o SAD I, que está a ser prestado actualmente por Eulen, foi adxudicado en xuño de 2014 cunha vixencia de catro anos, dous anos e máis outros dous de prórroga, que xa se cumpriron este verán.

Toda vez que non se fixeron os trámites para ter preparados os novos pregos en xuño deste ano, o que tiña que ter feito o Goberno Local é acordar en Xunta de Goberno Local a continuidade do servizo, mais non o fixo e agora estanse xerando unha serie de facturas pola prestación do SAD I que non teñen ningún tipo de abeiro e que de seguro van xerar problemas á hora de seren pagadas.

Trátase do enésimo caso en que o Goberno Local deixa rematar unha concesión poñendo o cadro de persoal e as propias usuarias nunha situación de total incerteza.

O 7 de marzo de 2014, a Xunta de Goberno Local acordou autorizar a contratación da xestión do SAD I e declarar a urxencia na tramitación do expediente e o contrato foi formalizado o 18 de xuño de 2014. Os pregos sinalan que a duración será de dous anos contados a partir desa data e prorrogábeis antes da súa finalización por mutuo acordo entre o Concello e o concertado por dous anos máis até un máximo de catro anos (incluídos período inicial e prórrogas). E por iso, seis meses antes da finalización do prazo do concerto, o concertado poderá solicitar a prórroga e o órgano de contratación acordala.

De feito, foi na Xunta de Goberno Local do 22 de abril de 2016 cando se acordou a prórroga até o 18 de xuño de 2018 e que se trata dun contrato polo que o Concello da Coruña orzamento anual de 1.452.000 euros.

Isto significa que aproximadamente o SAD custa algo máis de 121.000 euros mensuais. Tendo en conta que o contrato leva caducado xa tres meses e que o trámite de urxencia na contratación pode durar arredor doutros tres meses, vanse pagar facturas fóra de contrato e sen acordo de continuidade que lle dea abeiro, un total de seis meses por valor de 726.000 euros. De novo temos outro exemplo de como o Goberno Local deixa rematar unha concesión poñendo o cadro de persoal e as propias usuarias nunha situación de total incerteza.

Por todo isto, instamos ao Goberno da Marea Atlántica a axilizar os trámites para rematar con esta situación o antes posíbel, acabar coa incerteza de usuarias e usuarios, das traballadoras e dos traballadores e, tamén, para non xerar máis facturas irregulares.

A Coruña, 5 de setembro de 2018. 

Outro servizo que se presta desde o Concello da Coruña que caducou: o SAD I