Unha sentenza do TSXG demostra que, como ten denunciado o BNG, o Concello incorre nun uso abusivo das comisións de servizo
O fallo, contrario ao Concello, estima os argumentos da CIG e confirma que, tal e como ten denunciado o grupo municipal do BNG por medio de distintas iniciativas, o Goberno Local utiliza a comisión de servizos como unha especie de provisión de postos de libre designación.
De acordo coa sentenza, a Administración local incorreu nun “abuso” ao non teren existido razóns obxectivas para non incluír a convocatoria dun posto de técnico de Protección de Patrimonio Histórico de Vía Pública e Patrimonio nun concurso ordinario. A praza foi cuberta mediante unha comisión de servizos.
O recurso de apelación 246/2021 presentouno a CIG contra sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo da Coruña, neste caso favorábel ao Concello, que inicialmente desestimara un recurso de reposición formulado pola central nacionalista.
“É obvio que o Goberno Local está a facer un uso abusivo da figura das comisións de servizo”, afirma o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera. “Nós temos demandado en múltiples ocasións, con preguntas escritas, rogos orais e intervencións en Pleno, que se recorrese a esa figura só de forma excepcional e que a transparencia rexese a provisión de prazas para o cadro de persoal do Concello”.
De feito, no Pleno ordinario do pasado mes de marzo Jorquera instou o Goberno Local a que “regularice o sistema de provisión de postos de traballo no Concello da Coruña, establecendo o concurso como sistema habitual e limitando o recurso á comisión de servizos á situacións excepcionais, suficientemente motivas por razóns de urxencia e necesidade”.
No Pleno ordinario do pasado mes de marzo Jorquera instou o Goberno Local a que “regularice o sistema de provisión de postos de traballo no Concello da Coruña
“A utilización irregular e excesiva das comisións de servizo son prexudiciais dende o punto de vista organizativo, pois o persoal está sempre en precario”, afirmou o voceiro nacionalista na devandita sesión plenaria. E engadiu: “Xera desmotivación no persoal, ao percibir que o progreso na súa carreira profesional non se fundamenta nun sistema baseado no mérito e na capacidade, outorgándoselle máis valor a outras consideracións que á valía profesional ou á implicación no propio traballo”.