Tres semanas despois de o solicitar, o Goberno Local continúa sen lle facilitar ao BNG o convenio da cadea

Cárcere provincial
Hai tres semanas, exactamente o 20 de maio, o grupo municipal do BNG, por iniciativa de Avia Veira, rexistrou unha petición por escrito ao Goberno Local para que se nos facilitase copia do convenio enviado pola Sociedade Estatal de Institucións Penitenciarias (SEIP) ao Concello en relación á antiga prisión provincial.
Tres semanas despois de o solicitar, o Goberno Local continúa sen lle facilitar ao BNG o convenio da cadea

A existencia deste convenio, do que tivemos coñecemento por informacións xornalísticas, fora ocultada polo portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, ao ser interpelado a respecto da situación da cadea polo noso voceiro Francisco Jorquera durante o Pleno do pasado mes de febreiro.

Pois ben, tres semanas despois de Avia Veira o ter solicitado por escrito, o Goberno Local non lle facilitou aínda copia do convenio ao grupo municipal do BNG, o que representa un claro incumprimento do Regulamento Orgánico do Concello.

Con efecto, o Regulamento Orgánico Municipal sinala, no seu artigo 120, que “a solicitude do exercicio do dereito á información terá que resolverse motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel en que se presentase”, a especificar a seguir que “se non se ditase resolución expresa denegatoria a solicitude entenderase concedida ou estimada por silencio administrativo”.

Mais o feito obxectivo é que a día de hoxe “o Goberno Local aínda non resolveu a nosa solicitude”, o que afonda nunha preocupante liña de falta de transparencia por parte do Executivo que preside Inés Rey.

De acordo coas informacións xornalísticas, a proposta do convenio mantén o pagamento de 1,2 millóns de euros por parte do Concello ao Estado para restituír ao patrimonio municipal un ben que en orixe pertencía a todas as coruñesas e coruñeses. O convenio tamén liberaría a SEIP da obriga de rehabilitar un inmóbel que neste momento se acha nunha absoluta situación de abandono.

“Para o BNG calquera proposta de convenio que vaia nesa liña é total e absolutamente inaceptábel. O cárcere ten que volver á propiedade do Concello de forma gratuíta, pois os terreos en orixe eran municipais, e, desde logo, o Estado non pode entregar o edificio no seu calamitoso estado actual. Ten que asumir as súas responsabilidades e rehabilitalo”, demanda Avia Veira, para quen “a antiga prisión provincial ten moitísimas potencialidades, desde as relacionadas coa memoria histórica até as que teñen que ver co acollemento das persoas visitantes da Torre de Hércules, alén de dar servizo ao barrio de Monte Alto”.

 

Tres semanas despois de o solicitar, o Goberno Local continúa sen lle facilitar ao BNG o convenio da cadea