O MITIN DO BNG ULTRAPASA TODAS AS EXPECTATIVAS

E o Rosalía foi un clamor: "Desta vai!!!"

MITIN BNG ELECCIONES XERAIS 2019
Un deses mitins para a historia do nacionalismo galego na Coruña. Iso foi o que se viviu este xoves 7N nun Rosalía de Castro que botaba por fóra. A temperatura emocional estourou no epílogo con toda a platea, e as oradoras no escenario, a cantar un "Desta Vai!!!!" que ecoou na monumental planta e nos altos teitos do teatro. Ana Pontón chamou a unha mobilización masiva o 10N: "A cicloxénese explosiva que seica vén o 10N é a do BNG a volver a Madrid".
E o Rosalía foi un clamor: "Desta vai!!!"

Francisco Jorquera, María Xosé Bravo, Néstor Rego e Ana Pontón tomaron a palabra. Antes deles Miguel Pernas, actor e candidato, deitou todo seu talento interpretativo sobre as táboas do Rosalía, a pór en cena un monólogo cheo de razóns polas que ser do Bloque na Galiza.

Jorquera explicou que na época en que el foi deputado no Congreso o resto das forzas políticas referíanse aos deputados do BNG como "os galegos". "Todo o mundo sabía o que ían votar os outros parlamentares eleitos no noso país. O que lles dixesen as súas direccións madrileñas. O que non se sabía era o que ían votar o que eles chamaban 'os galegos', ou sexa, Olaia Fernández Davila e eu mesmo. Porque nós só votabamos en función dos intereses da Galiza!".

 

MITIN BNG ELECCIONES XERAIS 2019 María Xosé Bravo relatou que os mellores orzamentos da historia para Galiza, por riba dos 2.000 millóns de euros, foron negociados en Madrid cando o BNG tivo representación no Congreso. Xa sen ela, Galiza recibiu apenas 750 millóns, nos últimos orzamentos do PP e nos pactados a seguir por PSOE e Podemos.

"De que serviu o debate nas televisións estatais? Serviu para que vísemos o que as galegas e os galegos lles importamos aos partidos estatais. Nada!", dixo na súa intervención Néstor Rego, quen tamén chamou a votar o BNG para defender a democracia fronte a un goberno que tenciona fechar páxinas web sen autorización xudicial e fronte a unha ultradereita que tenciona ilegalizar a unhas forzas nacionalistas que son as que con maior forza combaten o fascismo.

O ramo púxoo Ana Pontón cun discurso moi apaixonado de defensa do BNG como a única forza que pode devolver a voz a Galiza nas Cortes Xerais do Estado. "PP, PSOE e Podemos non só se parecen en que comezan por P. Parécense en que son especialistas en discriminar Galiza", dixo, ao  tempo que chamou a concentrar todo o voto en clave de país no BNG para derrotar "o centralismo".

MITIN BNG ELECCIONES XERAIS 2019 As enquisas trouxeron boas noticias para o BNG, mais sería un grave erro caer no exceso de confianza. Hai que pelexar voto a voto até o final, veu dicir Ana Pontón, quen chamou a un voto masivo a prol da única papeleta soberanista e galeguista que as galegas e os galegos atoparán nos colexios electorais este domingo.

E concluída a quenda de palabras foi o teatro o que tomou o relevo das oradoras. Formouse entón un nó na gorxa de todo o mundo cando a platea se puxo en pé para como unha soa muller, un só home, cantar: "Desta vai!!!!".

 

 

E o Rosalía foi un clamor: "Desta vai!!!"