POR QUE O GOBERNO LOCAL NON ATENDE AS DENUNCIAS DA VECIÑANZA?
Riscos para a seguridade dos peóns na Rúa Nicaragua
De feito, o 29 de decembro unha veciña foi atropelada por un furgón de reparto ao cruzar un paso de cebra nesa rúa. A muller sufriu fracturas a consecuencia do sinistro.
Chove sobre mollado e a veciñanza ten alertado a Policía Municipal ao respecto, sen que desde o Goberno Local se tomase ningunha medida que minimizase os riscos.
É por iso que a concelleira do BNG Avia Veira dirixe un feixe de preguntas por escrito ao Goberno Local, a comezar por unha cuestión que reza como segue: “Por que o Goberno Local fai caso nulo ás denuncias da veciñanza da rúa Nicaragua?”.
O 29 de decembro, unha veciña foi atropelada por un furgón de reparto ao cruzar un paso de cebra nesa rúa
Veira fai tamén propostas de actuación. “Vai o Goberno Local elevar os pasos de peóns da rúa Nicaragua para rebaixar a velocidade dos vehículos e protexer os peóns?”, inquire a concelleira nacionalista. “Se a resposta é afirmativa, cando teñen pensado facelo?”.
Para o BNG, é obvio que o aparcamento indebido na zona -a invasión dos furgóns de reparto- representa un risco para os peóns. “Vai solucionar o Goberno Municipal esta situación?”, cuestiona Veira.