ASÍ O RECLAMA O TECIDO CULTURAL E MEMORIALISTA DA CIDADE

Jorquera vai defender no Pleno que o Teatro Colón pase a levar o nome de María Casares

María Casares, entrevistada en A Fondo.
María Casares, na súa entrevista no programa de TVE A Fondo. en 1981
O portavoz do BNG no Concello Francisco Jorquera vai defender no Pleno deste xoves que o tributo que se lle debe á lendaria actriz María Casares (1922-1996) é que o Teatro Colón pase a levar o seu nome, tal e como vén reclamando -no mínimo desde 2022, ano do seu centenario- o tecido cultural e memorialista da cidade.
Jorquera vai defender no Pleno que o Teatro Colón pase a levar o nome de María Casares

Jorquera vaino facer por medio dunha pregunta oral co seguinte teor: “Non considera a alcaldesa que o Teatro Colón é o espazo natural para homenaxear María Casares?”.

O BNG ficou moito sorprendido cando a alcaldesa, no seu discurso de Nadal, anunciou que ía propor que a homenaxe a Casares se fixese dándolle o nome da futura Estación Intermodal.

Sorpresa por varios motivos.

“Primeiro, porque o lóxico é que unha proposta así se procure consensuar previamente cos grupos representados na Corporación. Segundo, porque na Coruña existe un Consello da Memoria Democrática, cuxa función, por máis que sexa un órgano consultivo, non pode ser meramente decorativa”, afirma Jorquera.

Xa desde 2022, con motivo do Ano Internacional María Casares, en comemoración do centenario da actriz coruñesa, existe un amplo consenso -do que participan asociacións memorialistas, culturais, teatrais, audiovisuais e das artes escénicas- para o Teatro Colón pasar a se chamar Teatro María Casares.

Lembra Jorquera que o Teatro Colón se denomina así como emulación do teatro homónimo de Bos Aires. “Á marxe da avaliación que a cada un de nós nos mereza a figura histórica de Cristóbal Colón, é obvio que nada o vencella coa Coruña”, remarca.

Ese non é precisamente o caso, todo o contrario, da coruñesa María Casares, sen dúbida unha das actrices máis brillantes do seu tempo.

Para Jorquera, non hai mellor recoñecemento e homenaxe para unha actriz que lle dedicar á súa memoria un espazo escénico emblemático, “como acontece en Madrid con María Guerrero ou Fernando Fernán Gómez ou como fai Catalunya con Margarita Xirgú”, conclúe.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Jorquera vai defender no Pleno que o Teatro Colón pase a levar o nome de María Casares