REPOSTA DO GOBERNO LOCAL A UNHA PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

O rexistro de soares necesitados de rehabilitación está sen actualizar desde 2012

ruínas
Un edificio en estado ruinoso
O rexistro de soares en estado de abandono e, por tanto, a rehabilitar está sen actualizar desde 2012, afirma o Goberno Local en resposta a unha pregunta por escrito formulada pola concelleira do BNG Avia Veira.
O rexistro de soares necesitados de rehabilitación está sen actualizar desde 2012

A previsión do Executivo é actualizar o rexistro en 2020. Nel aparecería a listaxe de soares susceptíbeis de seren rehabilitados dado o uso inadecuado que deles fan os seus propietarios.

Na pregunta por escrito que dá orixe a esta resposta, Avia Veira inquiría ao Goberno Local polo número de soares e edificios a rehabilitar de cuxa existencia ten constancia o Concello, alén de cuestionar para cantos deles se ten iniciado o procedemento de obriga de rehabilitar –no caso dos edificios- ou de obriga de edificar –no caso dos soares.

Sobre os soares non hai ningunha información ao non estar actualizado o seu rexistro.

Sobre os edificios, o Goberno Local indica que a día de hoxe os expedientes tramitados de declaración de ruína ascenden a 212, dos cales 45 son con orde de demolición e 16 con orde de rehabilitación.

Porén, e a pesar de ser cuestionado directamente ao respecto, o Goberno Local non precisa cantos procedementos de expropiación de edificios a rehabilitar ten iniciado por “incumprimento social da propiedade ou da obriga de rehabilitar”.
 “Para o BNG a acción do Concello é fundamental  á hora de garantir a rexeneración urbana dos barrios. O rexistro de soares, como tamén a expropiación no caso de edificios en estado ruinoso, ten unha evidente utilidade á hora de garantir a salubridade dos barrios. Os soares abandonados son potencialmente daniños para a saúde pública. Non se pode ter tolerancia con construtores ou con propietarios que teñen en estado de abandono parcelas ou edificios”, afirma Avia Veira.
 

O rexistro de soares necesitados de rehabilitación está sen actualizar desde 2012